2 de dec. de 2023

DEPORTES

Cristina Soutelo, María León e Pedro Vázquez recibiron onte o Premio Deportista Tudense

 A Gala recoñeceu os éxitos do deporte tudense pondo en valor o patrimonio natural do municipio


O alcalde e membros da corporación municipal de Tui, coas persoas premiadas ou seus representantes na Gala do Deporte Tudense
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 A padeeira Cristina Soutelo, a futbolista María León, e o padeeiro Pedro Vázquez Llenín recibiron onte á noite o Premio Deportista Tudense na categoría absoluta na Gala do Deporte celebrada no Teatro Municipal de Tui. Un evento no que se recoñeceu os éxitos do deporte tudense e se puxo en valor o patrimonio natural do municipio, que constitúe un magnífico escenario para a práctica deportiva tanto a nivel afeccionado coma profesional.  

 Pedro Vázquez Llenín, do Club Kaiak Tudense, proclamouse este ano Campión do Mundo en K2 1000 m e campión de España en K4 1000 m e 500 m. Mentres Cristina Soutelo González foi a primeira deportista do Kaiak Tudense en participar nunha proba internacional na modalidade de C1.  Esta temporada foi oitava do mundo en  en C1 1000 metros, e décima nos 5000 metros. Proclamouse campioa de España en c1 1000m. María León Álvarez foi recoñecida pola súa traxectoria no fútbol sala xogando na elite a nivel nacional. Este ano é xogadora do Viaxes Amarelle FSF na Primeira División Nacional Feminina, e até a pasada temporada militaba no Marín F.S.  

 O Motoclub Randufe foi distinguido co premio Club Deportivo  polo seu empeño decidido en levar adiante este club deportivo, superando dificultades, e facendo realidade o Circuíto OffRoad de Rebordáns.  

 Na categoría de adestrador o Premio Deporte Tudense foi para David Solleiro Durán, actualmente preparador físico no Olympique de Marselle e para Manuel López Ramírez, que enviou unha mensaxe dende Israel onde traballa co primeiro equipo do Hapoel Beersheva B.C.  

 A Real Federación Galega de Motonáutica e o Club Náutico Inclusivo do Baixo Miño recibiron o Premio Deporte Adaptado por “converter a Tui nunha sede fixa das probas do Campionato Galego Inclusivo de Motonáutica, e facer do río e do deporte un espazo de inclusión e de encontro”.  

 O premio Deporte Tudense na categoría veterana recaeu na xogadora de balonmán Susana Méndez que continúa en activo, no padeeiro Enrique Míguez, do Kaiak Tudense, que sumou novos éxitos á súa longa carreira deportiva polo terceiro posto no Campionato do Mundo de Maratón en C1  e o título Campión do Mundo veterano en c2, e para Rafael Pérez Rego, do Atletismo Tui, por completar 100 medias maratóns.  

 Tui conta tamén con novos valores do deportes que recibiron o Premio Deporte Tudense Promesa. Foron a futbolista Lía Lorenzo, do Ribadelouro; a padeeira tudense do Club Cidade de Lugo, Nuria Romero; o ciclista tudense do Club Avanza André Martínez; e o remeiro  Javier Freiría do Club Remo do Miño.  O Club Tenis Tui foi recoñecido polo seu traballo co premio Promoción do Deporte Base.  O Premio Deporte Tudense Firma Comercial foi entregado a empresa Verdeazul polo seu compromiso e apoio as actividades organizadas por clubs, asociacións e sobre todo colexios de Tui. Onte recibiu tamén a Mención Especial Antonio Martín Hernández “Toñín”, que foi xogador de fútbol sala, e que con A Quinta de Tui creou na cidade un campus que leva o seu nome.    

 Recoñeceuse o labor de Elías Vieiro por 35 anos formando parte do Tyde coma xogador, adestrador, directivo e presidente, e de José Antonio Refojos “Coto” que durante case tres décadas se encargou dos pavillóns deportivos municipais. Houbo amais unha lembranza para Damián Estéves Rodríguez e Fernando Álvarez González falecidos este ano.    

 Este evento deportivo comezou recoñecendo as 29 persoas que participaron esta temporada en competicións internacionais en piragüismo, remo, ciclismo, judo, motor, e a loita, levando o nome de Tui por todo o mundo e demostrando o espectacular nivel dos e das deportistas tudenses.  

 Na súa intervención o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirmou que “o caso de Tui é único no territorio español”, grazas á implicación social e a axuda das institucións de carácter público e privado. Nunha gala especial que celebrou onte o seu decimo aniversario Enrique Cabaleiro quixo amosar o seu agradecemento “ás persoas que fixeron posible que o deporte tudense alcance o nivel que agora ten”, así coma ás institucións, e aos concelleiros que durante os últimos mandatos estiveron ao fronte desta área.  O alcalde de Tui aludiu tamén a que o deporte “xoga un papel decisivo”, sendo “un dos elementos básicos de  inclusividade e a igualdade”. Rematou indicando que “polo que significa o deporte en todos os ámbitos da nosa vida hoxe creo que tamén é momento de asumir todos o compromiso de seguir apoiando o deporte tudense para que siga sendo un motivo de orgullo de todos nós”.  

 Pola súa parte o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, indicou que “hoxe, non só celebramos o deporte, senón que tamén reflexionamos sobre a importancia da actividade física en contornas naturais”. Nese senso sinalou que “o Concello de Tui está a realizar un gran esforzo por aumentar cada día os lugares por onde pasear, correr montar en bicicleta e xerar saúde, son moitos os quilómetros realizados, pero aínda haberá máis”.  Concluíu afirmando que “todos, independentemente do noso xénero, merecemos as mesmas oportunidades e recoñecementos. Celebremos xuntos a diversidade e traballemos para construír un mundo deportivo máis inclusivo”.  

 A gala foi presentada por Jose Font, acompañado por José Manuel Quintana, Beatriz González, Rosendo Bugarín, e Ana Rodríguez que forman parte do xurado xunto a Enrique Míguez, e contouse coa actuación do grupo Míster Cool Organ Trío.  

DEPORTISTAS INTERNACIONAIS  

 Irea Alonso Gómez, do Club Kaiak Tudense: Campionato do Mundo de Maratón - Slavonski Brod (Croacia).  

 Iván Alonso Lage, do Club de Piragüismo As Torres Romería Vikinga de Catoira: Campionato do Mundo de Maratón – Vejen (Dinamarca) / Campionato de  Europa de Maratón – Slavonski Brod (Croacia).  

 Pedro Areal Abreu, do Club Piragüismo Aranjuez: Campionato do Mundo de Maratón – Vejen (Dinamarca).  

 Rodrigo Conde Romero, do Club Remo do Miño: Campionato do Mundo de Remo Olímpico – Belgrado (Serbia) / Copa do  Mundo de Remo Olímpico – Zagreb (Croacia).  

 Sebastián Delgado Curbelo, do Club Kaiak Tudense: Xogos Panamericanos - Santiago (Chile).  

 Lara Feijóo Pérez, do Club Kaiak Tudense: Campionato do Mundo Sprint Sub23 – Auronzo (Italia) / Campionato de Europa  Sprint Sub23 – Montemor (Portugal).  

 Tania Fernández, do Club Kaiak Tudense: Campionato do Mundo de Maratón – Vejen (Dinamarca) / Campionato de  Europa de Maratón – Slavonski Brod (Croacia).  

 David Fernández Pérez, do Club Ciclismo Avanza: Series Mundiais de Enduro – Loundenvielle (Francia).  

 Javier Freiría Expósito, do Club Remo do Miño: Copa da Xuventude – Amsterdam (Países Baixos).  

 Pablo García García, do Club Loita, de Pontevedra: Series Mundiais de Loita en Praia – Bos Aires (Arxentina) / Series Mundiais  de Loita en Praia - Singapur.  

 Manuel Garrido Barbosa, do Club Kaiak Tudense: Campionato do Mundo de Maratón – Vejen, Dinamarca / Campionato de  Europa de Maratón – Slavonski Brod (Croacia) / Copa do Mundo de Maratón –  Ruse (Bulgaria).  

 Jesús González Álvarez, do Club Remo do Miño: Campionato do Mundo de Remoergómetro.  

 Daniel González Diz, de Escudería Independente: Campionato do Mundo de Rallies - Ralli de Portugal.  

 Carlota González Gil, do Club Remo do Miño: Campionato do Mundo de Remo de Mar – Barletta (Italia) / Campionato do  Mundo Sub23 de Remo Olímpico – Plovid (Bulgaria).  

 David González Mella, do Club Kaiak Tudense: Campionato do Mundo Sprint Paracanoe – Auronzo (Italia) / Campionato de  Europa Sprint Paracanoe – Montemor, Portugal / Copa do Mundo Spint –  Szeged (Hungría).  

 Martín Gorriti Monterroso, do Club Kaiak Tudense: Campionato do Mundo Sprint Sub23 – Auronzo (Italia). 

 Noelia Lalín Canda, do Club Keltoi, de Vila de Cruces: Series Mundiais de Loita en Praia – Bos Aires (Arxentina) / Series Mundiais  de Loita en Praia - Singapur.  

 Ainhoa Lameiro Rodríguez, do Club Piragüismo Penedo: Campionato do Mundo de Slalom Olímpico Sub23 – Cracovia (Polonia) /  Campionato de Europa de Slalom Olímpico Sub23 – Bratislava (Eslovaquia) /  Copa do Mundo de Slalom Olímpico – Praga (República Checa).  

 Iria Ludeña Pérez, do Club Kaiak Tudense: Campionato do Mundo de Maratón - Slavonski Brod (Croacia).  

 Avelino Martínez Pérez, do Judo Club Tudense: Campionato de Europa de Policías e Bombeiros – Torrevieja (España).  

 Enrique Míguez Gómez, do Club Kaiak Tudense: Campionato do Mundo de Maratón – Vejen (Dinamarca).  

 David Moroño Montes, do Club Kaiak Tudense: Copa do Mundo de Maratón – Ruse (Bulgaria)  

 Matías Valentín Otero Ezcurra, do Club Kaiak Tudense: Campionato do Mundo Sprint – Duisburg (Alemaña) / Copa do Mundo Sprint –  Szeged, Hungría / Xogos Panamericanos – Santiago (Chile).  

 Daniel Pérez Cortegoso, do Club Piragüismo Penedo: Campionato do Mundo de Slalom Olímpico – Londres (Reino Unido) /  Campionato do Mundo de Slalom Olímpico Sub23 – Cracovia (Polonia) /  Campionato de Europa de Slalom Olímpico Sub23 – Bratislava (Eslovaquia) /  Copa do Mundo de Slalom Olímpico – Praga (República Checa).  

 Uxía Rodríguez Huertas, do Club Kaiak Tudense:  Campionato de Europa Sprint Sub23 – Montemor (Portugal). 

 Nuria Romero Gómez, do Club Ciudad de Lugo: Campionato do Mundo de Descenso de Augas Bravas – Augsburg (Alemaña) /  Campionato do Mundo de Descenso de Augas Bravas Sub23 – Roudnice (República Checa).  

 Cristina Soutelo González, do Club Kaiak Tudense: Campionato do Mundo Sprint – Duisburg (Alemaña).  

 Pedro Vázquez Llenín, do Club Kaiak Tudense: Campionato do Mundo Sprint – Duisburg (Alemaña) / Copa do Mundo Sprint –  Szeged, (Hungría).  

 Manuel Villaverde Gómez, do Club Remo do Miño: Campionato de Europa de Remo Olímpico – Munich (Alemaña). 

PREMIOS DEPORTE TUDENSE 

Recoñecemento Honorífico: Elías Vieiro Pérez e José Antonio Refojos Peixoto.  

Mención Especial: Antonio “Toñín” Martín Hernández.  

Firma Comercial:  Verdeazul. (Recolle: Mercedes Martín). 

Recoñecementos Honoríficos á Memoria: Damián Estéves Rodríguez e Fernando Álvarez González. 

Club ou Entidade na Promoción do Deporte Base: Club Tenis Tui. 

Deportista Promesa Masculino: Javier Freiría Expósito e André Martínez Rodríguez.  

Deportista Promesa Feminina: Nuria Romero Gómez e Lía Lorenzo Estévez.  

Veterano Masculino: Enrique Míguez Gómez e Rafael Pérez Rego. 

Veterana Feminina: Susana Méndez Álvarez.  

Deporte Adaptado: Real Federación Galega de Motonáutica e Club Náutico Inclusivo Baixo Miño. 

Adestrador: Manuel López Ramírez e David Solleiro Durán.  

Club Deportivo: Motoclub Randufe. 

Deportista Masculino Absoluto: Pedro Vázquez Llenín.  

Deportista Feminina Absoluta: Cristina Soutelo González e María León Álvarez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario