A VECIÑANZA DE GOIÁN ESIXE A APERTURA DO CONSULTORIO, PECHADO DENDE A PANDEMIA
Plataforma pola Sanidade Pública de Tomiño
A Plataforma pola Sanidade Pública de Tomiño convocou hoxe sábado 2 de decembro de 2023 unha nova marcha polas rúas da vila de Goián, para rematar diante do Consultorio médico, que a día de hoxe segue pechado. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, dixo o pasado 8 de novembro no Parlamento de Galicia que o Sergas reabriría o Consultorio de Goián cun médico e enfermeira especialista en atención familiar e comunitaria. Igualmente dixo que se poría en marcha unha iniciativa piloto onde a saúde comunitaria cobraría unha especial relevancia.
Dende a Plataforma denunciamos que estamos cansados de que se nos minta dunha maneira tan descarada e que se estea a pagar un aluguer por un consultorio que segue pechado a cal e canto. Esta situación tan penosa e deplorable para os usuarios do Consultorio de Goián, repercute negativamente no Centro de Saúde de Tomiño, que tamén está sufrindo a falta de médicos dende o mes de outubro. Situación que tamén denuncia a Plataforma porque nestes momentos só hai tres médicos dunha plantilla de oito.
A situación é caótica porque non hai médicos de cabeceira que fagan seguimiento dos pacientes, e conseguir citas presenciais é case misión imposible, todo isto na época con maior incidencia de enfermedades respiratorias etc.
Por todo isto e se a situación non mellora, a Plataforma seguirá saíndo a rúa e reclamando unha Sanidade Pública digna e de calidade pra Tomiño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario