Helena Salgueiro Golán gaña o XVII Premio de Poesía Victoriano Taibo coa obra Noite de Istar
• O xurado destacou por unanimidade o carácter profundamente persoal e as poderosas referencias culturais do poemario, presentado baixo o lema Bûka.
• O certame, convocado polo Instituto de Estudos Miñoráns xunto co Concello de Gondomar e a Editorial Galaxia, rexistrou unha alta participación e calidade literaria.
Ricardo Rodríguez Vicente/Gondomar
A escritora Helena Salgueiro Golán vén de proclamarse gañadora da XVII edición do Premio de Poesía Victoriano Taibo polo seu libro Noite de Istar. Así o decidiu por unanimidade o xurado do certame, convocado polo Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) en colaboración co Concello de Gondomar e a Editorial Galaxia.
Tras a apertura da plica correspondente á obra presentada baixo o lema Bûka, desvelouse a autoría de Salgueiro Golán. No seu ditame, o xurado puxo en valor que o poemario gañador é «un traballo profundamente persoal e nutrido de referencias culturais poderosas, onde o texto experimenta o clímax místico a través do seu propio corpo de idioma». Así mesmo, salientou que os elementos da obra «relaciónanse a través de dous conceptos estruturais como son a voz e a luz, dúas caras dunha mesma moeda».
Ademais do premio principal, o tribunal acordou facer unha mención especial ao texto presentado baixo o pseudónimo Mona marental e quixo deixar constancia tanto da numerosa participación coma do alto grao de calidade das obras concorrentes nesta edición.
Composición do xurado
O xurado desta décimo sétima edición estivo integrado por recoñecidas figuras do ámbito cultural e literario galego:
• Emma Lázare, filóloga e tradutora (en representación do Lucenza-Ateneo de Nigrán).
• Yaiza Peixoto, mestra e presidenta de Espazo Lectura.
• Antón Blanco Casás, profesor e poeta gañador da edición anterior.
• Tamara Andrés, escritora e tradutora (en representación da Editorial Galaxia).
• Miguel Anxo Mouriño (en representación do Instituto de Estudos Miñoráns).
• Paco Á. de Senra, quen actuou como secretario do xurado.

Ningún comentario:
Publicar un comentario