25 de nov. de 2026

O ROSAL

Os segredos da evolución coas lampreas na segunda cita das Xornadas do Patrimonio do Rosal   

•  O catedrático da Universidade de Vigo e membro de ANABAM, Manuel Ángel Pombal, achegará ao público as singularidades destes animais o venres 27 ás 20 h no Centro Social Polivalente  




Infogauda/O Rosal  

 As lampreas, un dos vertebrados vivos máis antigos do planeta e auténticas xoias da evolución, serán as protagonistas da segunda cita das VI Xornadas do Patrimonio do Rosal, unha iniciativa coa que o Concello convida á veciñanza a descubrir a riqueza natural, histórica e cultural da súa contorna. O Centro Social Polivalente acollerá este venres 27 de novembro, ás 20.00 horas, a conferencia ‘De viaxe polo fascinante mundo das lampreas’, impartida por Manuel Ángel Pombal, catedrático da Universidade de Vigo e membro de ANABAM que leva 38 anos dedicado ao estudo destes animais, especialmente do seu sistema nervioso. 

 Durante o encontro, o investigador achegará ao público as particularidades das lampreas desde unha perspectiva evolutiva, percorrerá o seu sorprendente ciclo de vida de ida e volta e dará a coñecer as diferentes especies que existen no mundo. A conferencia permitirá tamén descubrir as distintas artes de pesca empregadas en Galicia, conectando o coñecemento científico cos saberes e prácticas tradicionais vinculados aos nosos ríos. 

 Cunha ampla traxectoria científica, Pombal é autor de numerosos artigos en revistas internacionais, revisións en enciclopedias de prestixio e traballos de divulgación e transferencia do coñecemento. Ao longo da súa carreira presentou máis de 120 comunicacións en congresos, 64 delas de carácter internacional. 

 Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “nun territorio tan ligado ao Miño como o noso, coñecer a biodiversidade dos ríos é tamén unha maneira de comprender a nosa historia e a relación que mantivemos coa natureza ao longo das xeracións. Queremos que estes encontros esperten a curiosidade e nos axuden a valorar a riqueza que temos tan preto”. 

 O concelleiro de Cultura, Carlos Villanueva, anima á veciñanza a participar nun encontro que permitirá descubrir aspectos pouco coñecidos dunha especie estreitamente vinculada á nosa contorna. “Estamos afeitos a falar da lamprea desde a perspectiva gastronómica, pero detrás deste animal existe un mundo fascinante que merece ser coñecido. Contar cun especialista con case catro décadas de experiencia no seu estudo é unha excelente oportunidade para descubrilo”, explica. 

 A conferencia é de balde e está aberta a todos os públicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario