O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de A Guarda insta ao alcalde a impulsar o polígono empresarial A Guarda-Rosal, como o viña facendo o anterior goberno
• Os socialistas mostran a súa preocupación despois do manifestado polo PP durante a campaña electoral e pola ausencia do alcalde guardés na foto e na valoración da visita de Beatriz Sestayo.
Infogauda / A Guarda
Diante das noticias sobre a reunión mantida no concello do Rosal para dar un novo impulso ao polígono supramunicipal, a portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de A Guarda, Fátima Rodríguez Marcos, mostra a súa satisfacción: “Este polígono será fundamental para o desenvolvemento da Guarda e para o futuro da xente que queira desenvolver no Baixo Miño o seu proxecto de vida”.
Ao respecto, Fátima Rodríguez lembra que “o alcalde de A Guarda e a alcaldesa do Rosal desbloquearon o proxecto do polígono empresarial na pasada lexislatura e conseguiron o compromiso de Beatriz Sestayo, por Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) e de David Regades, por Zona Franca, para asinar un convenio de colaboración que impulsara este parque empresarial e así dar resposta a demanda de solo na comarca e a xeración de oportunidades e crecemento”.
Parque empresarial A Guarda-Rosal
Fátima Rodríguez lembra tamén que “o parque empresarial A Guarda-Rosal comeza a deseñarse en 2004 e está incluído nun plan sectorial dende 2007. Ten unha superficie total de 260.000 metros cadrados dos cales SEA xa ten adquiridos 45.000 e investido máis de un millón de euros. A pesar de que na lexislatura pasada se desbloqueou o proxecto e temos o apoio explícito de SEA e Zona Franca, o PP manifestou na campaña e no seu programa electoral, das pasadas municipais, que daría prioridade a un polígono industrial na zona de San Roque que nada ten que ver co que nos ocupa” .
“Por esta ambigüidade, descoñecemento mostrado, ou quen sabe que? o grupo socialista insta ao alcalde da Guarda a que aclare publicamente a súa postura en relación ao proxecto do parque empresarial A Guarda- Rosal. As empresas e a veciñanza temos dereito a saber se vai a seguir desaparecido nos temas importantes, ou se podemos contar con que defenda os intereses de todos os guardeses e guardesas”, afirma a concelleira do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE.
Ningún comentario:
Publicar un comentario