4 de dec. de 2023

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés poñerá rumbo a Xixón para enfrontarse á Calzada na Copa da Raíña 

O conxunto de A Guarda visitará Xixón o día 20 ou 21 de xaneiro na segunda rolda da Copa da Raíña, disputada a partido único 

Cristina Cabeza: “Ningún dos dous equipos tivemos sorte no sorteo” 


Mecalia Atlético Guardés 

Redacción / Deportes

 O sorteo da segunda fase da Copa da Raíña, celebrado hoxe na sede da Real Federación Española de Balonmán, deparou o enfrontamento entre o Mecalia Atlético Guardés e o Motive.co Xixón BM A Calzada. A eliminatoria, a partido único, disputarase no feudo do club asturiano o día 20 ou 21 de xaneiro, co horario aínda sen confirmar.  

 O conxunto dirixido Cristina Cabeza, exento ata esta segunda rolda de Copa, enfrontarase así ao equipo xixonés, que obtivo na fase anterior unha cómoda vitoria (18-27) na pista do Pozuelo, da División de Honra Ouro. No que vai de tempada, Mecalia Atlético Guardés e Xixón enfrontáronse soamente nunha ocasión, na segunda xornada de liga, na que o as galegas impuxéronse con suficiencia (28-21).  

 Antes do partido copeiro, o día 29 de decembro, o Mecalia Atlético Guardés tamén pisará o Pavillón da Area na segunda volta da competición ligueira, na que o conxunto miñoto ocupa a sexta praza con 12 puntos mentres que o BM A Calzada sitúase pechacancelas con 2.  Na tempada pasada, ambos os equipos víronse as caras nos cuartos a Copa da Raíña, e foi o Mecalia Atlético Guardés o que logrou o pase á semifinal.  

Cristina Cabeza: “Ningún dos dous equipos tivemos sorte no sorteo” 

 Tras coñecerse os cruces desta segunda rolda da Copa da Raíña, Cristina Cabeza valora o partido como unha eliminatoria complicada: “Creo que ningún dos dous equipos tivemos sorte no sorteo, é unha rolda moi complicada para ambos”.  

 A técnica coñece ben á Calzada, equipo ao que adestrou durante tres tempadas, no que tamén xogaron María Palomo, Ceci Cacheda e Pauli Fernández. Neste sentido, a adestradora considera que “xogar en Xixón sempre é complicado”.  

 Cabeza recalca a importancia de estudar as opcións do equipo para o partido ligueiro, que se disputará un mes antes que a eliminatoria copeira, e analizalo posteriormente para tratar de lograr a vitoria nos dous envites.

Ningún comentario:

Publicar un comentario