Formación e prácticas remuneradas para 20 desempregados grazas ao obradoiro dual de emprego da Xunta de Galicia
• Os participantes traballarán na reforma do edificio da antiga Escola de San Lorenzo
Infogauda / A Guarda
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na inauguración do obradoiro dual de emprego de A Guarda.
Neste obradoiro, que terá unha duración aproximada dun ano e que conta cun investimento da Xunta de Galicia de máis de 530.000 euros, participarán 20 persoas desempregadas. O alumnado traballará na especialidade de Auxiliar de albanelería de fábricas e cubertas e poderá desenvolver prácticas remuneradas durante toda a duración do programa.
Estas prácticas reverterán ademais a favor da súa veciñanza, xa que os participantes levarán a cabo proxectos de mellora ou mantemento no seu propio concello. Neste sentido, o futuros profesionais da albanelería traballarán na rehabilitación do edificio antigamente coñecido como Escola de San Lorenzo e que hoxe está adicado á escola do obradoiro de emprego. En concreto, aprenderán a remodelar os interiores e construirán unha escada de emerxencia exterior para incendios.
Estes obradoiros teñen como obxectivo mellorar a empregabilidade dos participantes formándoos nun oficio altamente demandado polo tecido empresarial. O delegado territorial destacou a importancia de “afrontar os próximos meses cunha boa actitude que permita aprender todo o posible dos fantásticos profesores e formadores” cos que van traballar. Ademais, aproveitou para motivar aos asistentes lembrando que nos obradoiros de emprego do pasado ano unha boa parte dos participantes conseguiron un contrato laboral “antes incluso de rematar o obradoiro”.
Demóstranse así os bos resultados e a utilidade desta iniciativa na que a Xunta inviste máis de 7,5 millóns de euros na área territorial de Pontevedra: “Normalmente a xente paga por recibir unha formación como a que ides recibir vos. Aquí, grazas ao compromiso da Xunta de Galicia e ao apoio do voso concello, podedes cobrar un salario mentres participades neste obradoiro. É unha oportunidade única que, ben aproveitada, pódevos facilitar a incorporación ao mercado laboral”, concluíu o delegado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario