27 de nov. de 2023

O ROSAL

Os ciberdelitos, eixo central da nova cita cos ‘Cafés en Igualdade’ do Rosal  

Será este xoves 30 de novembro ás 17.30 h na Cafetería Juan   


Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 O Concello do Rosal pecha a súa programación co gallo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha nova cita cos seus ‘Cafés en Igualdade’, un espazo de reunión para todas as familias rosaleiras no que conversar sobre temas de interese de xeito cómodo e distendido ao tempo que se promove a conciliación familiar, laboral e persoal.  

 Este xoves 30 de novembro, o axente da Garda Civil, Javier Cancela, abordará con todas as persoas participantes unha cuestión de vixente actualidade, os ciberdelitos, facendo especial fincapé nos delitos con enfoque de xénero. Nesta ocasión, a sesión será de 17.30 a 18.30 horas na Cafetería Juan. 

 “A violencia de xénero traspasa calquera barreira, tamén a dixital. Poden ser comentarios inapropiados nas redes sociais, mensaxes, ameazas, chantaxes, divulgación de datos persoais ou noticias falsas... Temos que aprender a detectar, previr e erradicar este tipo de violencias, porque aínda que non se ven poden ter consecuencias moi graves na vida das vítimas”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 O Concello do Rosal puxo en marcha estes ‘Cafés en Igualdade’ co obxectivo de ofrecer un balón de osíxeno ás familias rosaleiras, creando un recuncho no que deixar a un lado todas as obrigas diarias para abordar temas de especial interese para a sociedade. O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario