27 de nov. de 2023

O ROSAL

A U.D. Ribera toma partido contra a violencia de xénero  

Equipo directivo e corpo técnico son os protagonistas dunha nova edición desta exposición organizada polo Concello ao abeiro do 25N    




Infogauda / O Rosal

 O Rosal amosa un ano máis o seu máis firme rexeitamento á violencia contra as mulleres cunha nova edición de ‘Eu tomo partido, e ti?’, unha exposición na que cada ano membros do tecido asociativo, deportivo, cultural ou social dan a cara contra a violencia machista ao abeiro do programa de actividades organizadas polo Concello para conmemorar o 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. 

 Nesta ocasión as/os protagonistas da mostra son o equipo directivo e o corpo técnico da U.D. Ribera, que posan ante a cámara cun encerado coa frase ‘Eu tomo partido contra a violencia de xénero’ escrita. Son nove persoas que se suman a esta iniciativa coa que se pretende concienciar, visibilizar e loitar contra unha gran lacra da sociedade actual.  

 Xunto co presidente do club, José Adriano Alonso, tamén participan o vicepresidente, Ángel Antonio Pérez; a secretaria da U.D. Ribera, Adriana Álvarez, así como os e as integrantes do equipo directivo Beti Pacheco, Miguel Gómez, Rosa Alonso e Raquel Iglesias. A adestradora Jennifer e o coordinador Yago Cruces completan a exposición.  

 Dende a súa posta en marcha, no proxecto ‘Eu tomo partido, e ti?’ levan participado deportistas locais, profesorado dos centros educativos rosaleiros, xogadores do Valinox Novás, integrantes da Agrupación Musical do Rosal, de Ecos do Folón, membros da asociación de maiores ou a directiva do Club Ciclista O Rosal, entre outros.  

 Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “para nós é un orgullo contar cunha veciñanza e un tecido asociativo tan implicado e con ganas de colaborar con nós para seguir revolucionando mentes todos os días do ano, porque a eliminación da violencia contra as mulleres é un traballo continuo e diario de visibilización e sensibilización no que debemos involucrar a toda a sociedade”. 

 A mostra poderá visitarse na Sala de Exposicións do Concello ata finais de decembro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario