27 de nov. de 2023

A GUARDA

A RENUNCIA A SUBVENCIÓNS E AS MENTIRAS CONTINUADAS DO GOBERNO  DO PP DE  CARRERO PREOCUPAN AO BNG GUARDÉS  

Anxo Baz: “Este goberno vai a deriva e leva A Guarda ao retroceso. Intranquilízanos o seu xeito de actuar, e preocúpanos entre outras moitas cousas  o futuro da piscina municipal”  


Anxo Baz, portavoz municipal do BNG

Grupo Municipal do BNG / A Guarda

 As mentiras continuadas e a renuncia inxustificada de subvencións por parte do alcalde da Guarda preocupan no grupo municipal do BNG.  

 Foi  público e notorio como o Sr Carrero prometía rebaixas fiscais hai un ano para acabar facendo xustamente o contrario. Algo similar aconteceu coa súa promesa electoral de recuperación e mantemento dos lavadoiros e fontes públicas. Non só non levou adiante os traballos prometidos, senón que ademais renunciou a unha subvención para a recuperación do lavadoiro de Carballidos.   

 A súa actitude antigalega e partidista levouno tamén a  rexeitar unha subvención  para a divulgación e fomento da nosa lingua, privando neste caso a sociedade guardesa dunha ampla programación de cine en galego. A renuncia a outra subvención, desta volta para a  retirada de simboloxía fascista, supuxo non só perder unha oportunidade para cumprir coa lei, senón un desprezo a todas as persoas represaliadas por defender a liberdade fronte a sen razón da ditadura franquista.  

 E cando un pensa que xa non caben máis trapalladas no que vai de mes, constátase o que denunciou o BNG. Carrero minte afirmando  que o estado das contas municipais impedían o pago a provedores ata 2024. Unha semana despois de facer esta  afirmación aprobouse en pleno o pago de facturas por valor de máis de  63.000 €.  

 Carrero trata de agochar a súas limitacións como xestor  público a golpe de propaganda e vetando a retransmisión dos plenos desde que chegou ao goberno, tratando de impedir deste xeito, que a sociedade guardesa poida coñecer directamente o que realmente acontece no Concello.  

 O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, considera que “estamos diante de flagrantes mentiras e perdas para A Guarda que mostran con claridade por onde vai realmente o goberno  do PP de Carrero e de Fariñas”, para acabar concluíndo “este goberno vai a deriva e leva A Guarda ao retroceso. Intranquilízanos o seu xeito de actuar e preocúpanos entre outras moitas cousas  o futuro da piscina municipal, da que teñen parada a día de hoxe a súa licitación. Tampouco sabemos nada do proxecto de reforma, a pesar de ter unha subvención concedida dos fondos Next Generation de máis de un millón e medio de €.”

Ningún comentario:

Publicar un comentario