9 de out. de 2023

TUI

O PP de Tui insistirá nas medidas de dinamización económica ante o rexeitamento do equipo de goberno ás propostas de impulso 

• Os populares lamentan que PSOE e BNG t umbaran a súa moción para que Tui se adhira á rede de Concellos Emprendedores da Xunta, xa que suporía rebaixas fiscais e outros beneficios para novos proxectos empresariais 

• O PP saca adiante a súa proposta para mellorar e dignificar as condicións de traballo das dependencias públicas de Tui, “malia as dúbidas que nos esperta o pouco entusiasmo do goberno, que se abstivo nesta iniciativa” 

 O voceiro, Nico Montes, amosa o seu desacordo no aprazamento da decisión sobre o traslado do Mercado dos xoves, que os populares queren levar ao Paseo da Corredoira, “xa que gobernar implica tomar decisións” 


Grupo municipal do PP de Tui 
Foto: GMPP

Infogauda / Tui

 O grupo municipal do PP de Tui anunciou na xornada de hoxe que vai insistir, durante toda a lexislatura, na aplicación e posta en marcha de numerosas medidas de dinamización socioeconómica ante o “estancamento” que padece o concello desde hai anos e a necesidade de conseguir a súa revitalización. 

 O voceiro municipal, Nico Montes, anunciou esta iniciativa transversal no eido socioeconómico despois de que os grupos municipais do PSOE e do BNG rexeitaran no último pleno extraordinario diversas propostas de impulso presentadas pola oposición. 

 Así, os populares lamentaron que o executivo e o Bloque tumbaran a moción popular para que Tui se adhira á rede de Concellos Emprendedores da Xunta malia que suporía rebaixas e incentivos fiscais no IBI, IAE e ICIO para novos proxectos empresariais –tanto de nova creación como ampliación dos existentes–, a simplificación administrativa na tramitación de licenzas de obra e o establecemento de facilidades para o acceso a solo industrial. 

 “Non entendemos os motivos nin compartimos o seu plantexamento, porque hai máis dunha vintena de municipios na provincia aplicando estas medidas e son os que contan cun maior dinamismo. Ademais, o Concello non perdería recursos, porque o que se deixa de recadar por un lado entra por outro grazas á xeración fiscal da maior actividade, pero en todo caso imos deixar claro que insistiremos nas medidas de dinamización socioeconómica porque considerámolas imprescindibles para o futuro de Tui”, explicou Montes.

 Por outra banda, o PP conseguiu sacar adiante a súa moción para mellorar e dignificar as condicións de traballo das dependencias públicas de Tui para que os empregados públicos poidan despregar o seu labor nas mellores condicións, “pero temos moitas dúbidas de que vaian adoptar medidas reais, aínda que estaremos atentos ao cumprimento da moción, polo pouco entusiasmo que espertou no goberno, que se abstivo nesta iniciativa”. 

 Finalmente, Nico Montes amosou o desacordo dos populares co aprazamento da decisión sobre o traslado do Mercado dos xoves adoptada polo PSOE e o BNG no pleno. O voceiro popular cre que é necesario movelo a unha zona máis céntrica como o Paseo da Corredoira, ao tramo peatonal de Calvo Sotelo e parte da rúa Ordoñez, “xa que serviría como impulso da actividade comercial e así dinamizar a cidade”, e lamentou o adiamento de calquera medida en torno ao Mercado, “xa que gobernar implica ser valente, tomar decisións e non deixar pasar o tempo sen facer nada mentres a cidade segue estancada”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario