13 de out. de 2023

SALVATERRA DE MIÑO

ACTO HOMENAXE AOS 5 DESCOÑECIDOS DE CABREIRA (SALVATERRA DE MIÑO), ASASINADOS POLO FASCISMO EN 1936

 O domingo 22 de outubro, ás 11:30 horas




Infogauda / Salvaterra de Miño

 A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña vai a celebrar un acto-homenaxe aos 5 descoñecidos asasinados o 18 de outubro de 1936 no lugar do Viso, e soterrados no adro da igrexa de Cabreira (Salvaterra de Miño). 

 O acto terá lugar o domingo, 22 de outubro ás 11:30 horas no lugar onde se atoparon os seus corpos, colocando un monolito cunha placa na súa honra. O lugar está situado na antiga estrada, dirección Salceda cara Salvaterra, a escasos metros da gasolineira San Pelayo. 

"O NOSO COMPROMISO PÓRVOS NOME!"

 Ese é o lema da devandita homenaxe. Segundo afirmou Ángel López Méndez, veciño de Cabreira (Salvaterra de Miño) ao xornal dixital A Nova Peneira "(...) parte do relato que  vou a expor está documentado na tradición oral dun gran número de persoas da parroquia de Cabreira pero vounas a centrar nas testemuñas obtidas de dúas persoas que viviron o ocurrido no seu momento: A seseñora Maruja da Rotea, nada a pouca distancia do lugar e que neste momento con 98 anos ten unha mente e unha lucidez privilixiada e na do Alfonso da Devesa falecido recentemente. A outra parte do relato está documentada nas partidas de defunción obtidos no Rexistro Civil de Salvaterra. Nos documentos eclesiásticos non atopamos ningunha referencia a este feito. 

 O que se refire á parte da tradición oral, comeza na madrugada do domingo día 18 de outubro de 1936 cando segundo contou o pai de Maruja, nese momento xa ten 11 anos, que estando na cama, sentiu pasar un camión por diante da súa casa (pegada a estrada e moi cerca do lugar) a eso das 4 ou 5 da mañá e despois o ruido dos disparos. Este dato tamén llo confirma ao pai da señora Maruja o domingo pola mañá, unha veciña do Viso, a señora Generosa da Garota, que oíndo o ruido levantouse da cama e en compañía do seu can foi a ver o que alí ocurrira.

 Por ser domingo, esa mañá foi o comentario xeralizado de todas as persoas que acudiron a misa e moitas delas guiadas pola curiosidade acercáronse ata alí. A continuación desde Salvaterra envían unha camioneta con cinco caixóns, meteron aos mortos dentro e trouxéronos para a igrexa de Cabreira, onde foron velados no que era a sá de autopsias en turnos de 2 en 2 homes ata que foron soterrados. Os cinco están soterrados na dirección do muro da rectoral cara a igrexa e en pararelo á sá de autopsias ao lado dunha fermosa camelia que foi talada en épocas recentes. A distribución dos caixón estaría en tres filas (2,2,1).

 A outra parte do relato que pasamos a expor está documentada nas partidas de defunción otorgadas polo Rexistro Civil de Salvaterra no día seguinte aos feitos que acabamos de relatar ou sexa o luns, 19 de outubro de 1936. Destaca a cantidade de epígrafes con un "se ignora" referidos á súa identificación (nome e apelidos, natural de, nome do pai e nai, profesión, estado civil e incluso testamento), hai unha descrición dos cadáveres e das súas vestimentas, a idade estimada, a indocumentación dos mesmos, que están soterrados no cemiterio de Cabreira e o motivo da súa morte. De este último apartado dicir que os 5 morreron de hemorraxia como consecuencia de feridas penetrantes no tronco e 2 deles teñen a engádega de traumatismo cerebral como consecuencia de ferida penetrante en cráneo.

 Con respecto á súa procedencia non podemos aportar ningunha pista fiable pois en todos os pasos que levamos dados en diferentes arquivos non atopamos ningún grupo de 5 persoas, referenciadas nesa data e do que poidamos tomar como referencia para continuar investigando. Unicamente facer o matiz que, por información oral obtida nestes días, o camión procedía de Salceda polo que segundo José Ramón Paz Antón poderiamos estar no abano de centros destacados na emisión de paseados como son Tui, Vigo e a illa de San Simón.Tamén parece estar claro de que non estamos ante homes procedentes da zona pois foron vistos por un bo número de veciños e veciñas o que facilitaría a súa identificación.

 E para rematar teño que dicir que este acto é unha etapa para conseguir chegar a unha meta, que non é nin máis nin menos que a exhumación dos corpos soterrados no adro da igrexa de Cabreira, obter o seu ADN e así aumentar as posibilidades de éxito na súa identificación. O NOSO COMPROMISO, PÓRVOS NOME".

Ningún comentario:

Publicar un comentario