13 de out. de 2023

O ROSAL

O Rosal pon en marcha a reparación de case 12.000 m2 de camiños  

• O Concello saca a licitación as obras ao abeiro do programa de melloras nos camiños rurais  

• Os traballos terán un custe de 140.000€ financiados pola Deputación de Pontevedra a través dunha subvención para a reparación de danos causados polas inundacións   


Camiño de Canas
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal continúa avanzando no seu programa de intervencións nos camiños rurais con novas obras de mellora nos camiños de Canas e Morraceira. e unha parte da Estrada de Couselo. dende o cruce entre o camiño Barriños e o camiño Couselo de Abaixo ata o camiño Vilariños, en Fornelos.  

 Así, o Goberno municipal ven de sacar a licitación os traballos de reparación de case 12.000 metros cadrados de camiños co obxectivo de “aumentar a comodidade e seguridade viaria en tres camiños que resultaron danados polas fortes choivas ocasionadas o pasado Nadal, ao tempo que se renova o pavimento, deteriorado nalgunhas zonas”, como explica a alcaldesa Ánxela Fernández Callís. 

 As obras, que terán unha duración de tres meses, saen a contratación por case 140.000 euros financiados ao abeiro dunha subvención da Deputación de Pontevedra para a reparación de danos causados polas intensas choivas de decembro de 2022, que causaron graves estragos en bens, equipamentos, infraestruturas e instalacións municipais.  

 Aínda que os tramos que se procederá a arranxar non presentan danos estruturais, si é necesario reparar as zonas deterioradas que poden afectar á seguridade da circulación renovando a superficie da calzada, o que permitirá mellorar as súas características funcionais así como a súa durabilidade. 

 As persoas e empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 30 de outubro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario