O albergue do Berbés recibe ao seu peregrino 20.000
• A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, e o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Merelles, recibiron este xoves ao xaponés Kazuya Miyoshio
• No que vai de ano, o Albergue “Juan Manuel López Chaves” xa superou as cifras de todo 2022 e o Camiño da Costa incrementou a afluencia en máis dun 70%
Infogauda / Vigo
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, recibiron este xoves ao xaponés Kazuya Miyoshio, camiñante número 20.000 que se aloxa no Albergue de Peregrinos “Juan Manuel López Chaves”. O establecemento, que funciona xa a pleno rendemento desde xullo de 2021 no barrio do Berbés, acadou a cifra neste ano 2023 no que está a bater todos os rexistros.
Os representantes autonómicos, acompañados polo propio Juan Manuel López Chaves, recibiron ao peregrino de Kioto de 63 anos e amosaron a súa “satisfacción” pola cifra acadada. Así, destacaron o acerto do Goberno galego cando decidiu investir 1,8 millóns de euros para dotar á cidade do seu primeiro albergue público no Casco Vello. “Os números avalan a decisión que tomamos para a rehabilitación dos edificios nun lugar emblemático”, sinalou.
Segundo relatou Ana Ortiz, os datos do albergue ata setembro superan xa aos de 2022, cando o número de camiñantes que chegaron ao aloxamento foron de 7.950. “A afluencia de peregrinos, procedentes de 78 países, experimentou un aumento espectacular nos últimos meses e a nosa ruta xacobea, única cun percorrido pola costa atlántica, supera todos os rexistros este mesmo ano, converténdose na que máis crece”, engadiu a delegada.
Pola súa banda, Xosé Merelles ratificou a aposta de Turismo de Galicia polo Camiño Portugués da Costa e polo albergue de O Berbés. “Ademais de dar visibilidade ao Camiño de Santiago en Vigo, está demostrando que é un dos polos, un dos imáns, máis importantes de Galicia”, indicou.
O edificio do albergue conta con seis plantas nunhas instalacións accesibles para dar resposta á demanda de aloxamento. A infraestrutura ten capacidade para unhas 90 persoas en 7 habitacións e dispón tamén de cociña, comedor, zona de ocio e aseos.
Camiño Portugués da Costa
Ana Ortiz e Xosé Merelles tamén sinalaron que o Camiño Portugués da Costa recibiu no que vai de ano a un total de 43.302 peregrinos (en todo o 2022 foron 30.646), mentres que no Camiño Portugués xa van 74.206 (foron 93.077 en 2022). A ruta que pasa por Vigo obtivo neste periodo o 11 % do total de peregrinos en Galicia, o que significa catro puntos máis que en 2022 e sete máis que en 2021. Así, consolídase como a terceira ruta máis demandada tras o Camiño Francés e o Camiño Portugués, por diante dos itinearios Inglés, Norte e Primitivo.
Ademais, a representante autonómica lamentou unha vez máis que Vigo siga sen sinalización oficial. “Vigo segue sendo a única cidade de Europa que non ten o camiño sinalizado e por fortuna contamos coa axuda de comerciantes, taxistas e colectivos para difunfir o Xacobeo e guiar aos peregrinos”, argumentou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario