28 de set. de 2023

PONTEVEDRA

PONTEVEDRA ACOLLERÁ EN SETEMBRO DE 2024 O CONGRESO NACIONAL DE NUMISMÁTICA 

 O Museo de Pontevedra organizará xunto á Sociedade Iberoamericana de Estudos Numismáticos a XVII edición, que reunirá as e os maiores expertos e profesionais deste ámbito en España 




Infogauda / Pontevedra

 Do 12 ao 14 de setembro de 2024, os ollos de persoas profesionais, expertas e afeccionadas á numismática mirarán cara a Pontevedra: a cidade acollerá oXVII Congreso Nacional de Numismática. Durante tres días debaterase sobre o futuro do estudo e da divulgación desta disciplina. Será unha edición moi especial, na que se retomará a celebración do congreso tras a última edición, celebrada en Barcelona en 2018.  

 O evento está organizado polo Museo de Pontevedra, en colaboración coa Sociedade Iberoamericana de Estudos Numismáticos, co patrocinio da Real Casa da Moeda. Terá como lema “Numismática, que e para que? Xeración e transferencia de coñecemento”. Baixo este epígrafe programaranse conferencias e mesas de debate; tamén terán cabida a presentación e a comunicación de estudos recentes sobre coleccións, novos achados e proxectos de investigación en desenvolvemento. A programación completarase cunha exhibición de pósters e con actividades didácticas.  

 Con esta edición preténdese crear un espazo de diálogo común no que participen persoas especialistas e iniciadas, achegarlle a disciplina a quen non a coñeza e xerar un compromiso de coparticipación entre aquelas que a manteñen vixente para establecer novas dinámicas que garantan o seu porvir. Da coordinación científica do congreso encargarase Antonio Roma Valdés (León, 1967), fiscal, doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, investigador e experto en moeda medieval.  

 Desde que en 1972 se celebrou a primeira edición en Zaragoza, o Congreso Nacional de Numismática é o espazo no que se dan a coñecer os últimos achados monetarios e onde se intercambian coñecementos entre todos os axentes implicados neste ámbito: museos, investigadoras, investigadores e coleccionistas.  

 A elección do Museo de Pontevedra como sede da próxima edición pon de relevo a importancia da súa colección numismática. A súa orixe está nos fondos monetarios que xuntou a Sociedade Arqueolóxica, fundada en 1894. As doazóns de particulares e coleccionistas, os depósitos de pezas provenientes de escavacións arqueolóxicas e a adquisición de coleccións foron incrementando os fondos ata as arredor de 15.000 moedas coas que conta na actualidade.  

 Entre eses fondos destaca a colección Blanco Cicerón, formada desde o século XIX, e as series de moedas acuñadas en Galicia. A composición da colección abrangue desde a antigüidade, con moedas grega, romanas, árabes e bizantinas, ata a correspondente á historia española desde a Idade Media á Contemporánea, así como toda unha serie de moedas estranxeiras de época contemporánea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario