O PSdeG-PSOE de Oia insta á alcaldesa de Oia a levar adiante un Convenio ou RTP para os traballadores municipais
• Desde o PSdeG-PSOE de Oia consideran alegal que se destine o diñeiro dunha modificación de crédito para aboar conceptos de productividade dos empregados municipais, ao igual que o confirma un informe desfavorable de secretaría e intervención
Infogauda / Oia
Este xoves día 21 de setembro, a petición da alcaldesa de Oia, celebrouse unha sesión plenaria para tratar, entre outros temas, os complementos retributivos de persoal laboral municipal, tamén coñecidos como conceptos de “produtividade”.
“É importante pór en coñecemento de todos os veciños e veciños do municipio, que o Concello de Oia, non conta cunha RPT (Relación de Postos de Traballo), nin un convenio colectivo que regule certos aspectos do persoal laboral municipal, tampouco se atopan en trámite.
Isto provoca que se dean situación de alegalidade para aboar as cantidades que lles pertencen aos traballadores municipais, con informes desfavorables dende os departamentos de secretaría e intervención municipais, posto que o equipo de goberno do PP, encabezado por Cristina Correa, pretende realizar estes abonos aos empregados cunha modificación de crédito, algo que se evitaría se o Concello de Oia contase cun convenio Colectivo ou unha RTP”, afirma Gerardo Rodríguez Refojos, voceiro do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, no Concello de Oia.
Para Rodríguez Refojos, “esta situación era previsible, e malia a que xa non é algo novo, debería terse solucionado fai xa tempo, se dende o goberno de Cristina Correa se apostase por crear e levar adiante o convenio colectivo ou unha RTP que garanta estas cuestións e evite realizar “chapuzas” a nivel económico”.
“O PSdeG-PSOE de Oia votou en contra neste punto da orde do día, por non contar cos informes favorables pertinentes” e os concelleiros socialistas aclaran que, non están “en contra de que os traballadores municipais cobren o que lles pertence, senón de que se faga de xeito correcto, apostando sempre pola transparencia, bo goberno e garantindo os postos de traballo dos empregados municipais, cousa que - asegura Gerardo Refojos -, pasa pola aprobación dun convenio colectivo ou unha RPT”.
Refojos insta novamente “á alcaldesa de Oia, Cristina Correa, a que faga ben as cousas, para ter que evitar problemas e polo ben dos propios traballadores municipais, que tamén teñen os seus dereitos, asegurando os postos de traballo do Concello de Oia, evitando desta forma tamén que nun futuro se marchen empregados a outras administracións, como ten acontecido en concellos veciños”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario