Conferencia sobre “Francisco Sánchez médico” a cargo de Rosendo Bugarín González
Este venres, 22 de setembro, ás 20:00 horas, no Edificio “Francisco Sánchez”
Infogauda / Tui
Continúa avanzando o programa de actividades “Setembro xudeu en Tui” con novas actividades arredor da figura do egrexio médico e filósofo tudense do que se cumpren os 400 anos do seu falecemento na cidade francesa de Toulouse.
Este venres, 22 de setembro, ás 20:00 horas, no Edificio “Francisco Sánchez” terá lugar a segunda conferencia deste ciclo que organizan o Concello de Tui arredor desta singular figura do Renacemento europeo. Nesta ocasión o tamén médico tudense, Rosendo Bugarín González, disertará sobre a faceta médica do pensador, que investigou amplamente no campo da medicina xunto coa filosofía.
Rosendo Bugarín González
Rosendo Bugarín González (Tui, 1961) é na actualidade médico de familia en Monforte de Lemos logo dunha ampla traxectoria profesional. Autor ou coautor de máis de 50 publicacións de carácter científico e outras tantas ponencias e relatorios en congresos médicos. Profesor, poñente ou titor clínico en numerosos cursos e actividades docentes, relacionadas coa Atención Primaria ou a Medicina de Urxencias. Recentemente foi nomeado membro da Real Academia de Medicina de Galicia sendo designado primeiro académico numerario da recentemente creada cadeira de medicina familiar e comunitaria.
Rosendo Bugarín ten dedicado as súas investigación a temas tudenses, entre eles, á figura de Francisco Sánchez e a súa obra médica, sobre a que disertará nesta conferencias.
EXPOSICIÓN SOBRE FRANCISCO SÁNCHEZ NA CORREDOIRA
Desde este venres o Paseo da Corredoira acollerá unha exposición divulgativa sobre a figura de Francisco Sánchez, para achegar á veciñanza e visitantes a súa figura e transcendencia, como un dos precursores da revolución filosófica e científica dos século XVII e XVIII, pois a súa obra “Quod nihil scitur” é unha referencia ineludible neste proceso. Francisco Sánchez é unha das referencias do pensamento europeo do Renacemento que Tui reivindica e divulga con esta exposición e o programa de actividades a desenvolver en torno a este “Ano Francisco Sánchez”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario