O naval vigués irá á folga se en 15 días a Xunta non convoca a mesa do sector para abordar as problemáticas laborais
• Os traballadores/as paralizaron a actividade dos estaleiros é botáronse hoxe á rúa para denunciar a morte dun compañeiro en accidente laboral
A práctica totalidade dos traballadores/as do naval paralizaron a actividade do sector e concentráronse diante das instalacións de Armón a partir das 9:00 horas, partindo a continuación en manifestación polo centro da cidade, pasando polo Concello, a Xunta e rematando ás portas da Inspección
Fotos: CIG
Infogauda / Vigo
As tres centrais maioritarias no sector naval da Ría de Vigo anunciaron hoxe que convocarán folga se se nun prazo máximo de 15 días a Xunta non reúne a mesa do sector para abordar as crecentes problemáticas laborais que padecen os cadros de persoal dos estaleiros e das empresas auxiliares. Este ultimato chega tras anos alertando da cada vez maior precariedade nunha industria que atravesa un profundo proceso de transformación e que no día de onte rexistrou un novo accidente mortal. En resposta, os traballadores/as paralizaron hoxe a actividade dos estaleiros e percorreron o centro da cidade para concentrarse diante da Inspección de Traballo, onde esixiron a adopción de medidas que garanten a seguridade no traballo.
O sinistro no que perdeu a vida un operario dunha empresa auxiliar que traballa para o estaleiro Armón produciuse cando aínda non se cumpriu un ano da morte doutro operario nas instalacións de Cardama, suceso que elevara o ton das queixas sobre as condicións laborais no sector. Mais a Xunta e a Inspección demostraron unha vez máis a súa falta de compromiso cos dereitos das persoas traballadoras, “desoíndo as denuncias e non convocando a mesa do naval”.
Por iso a CIG, CCOO e UGT optaron hoxe por anunciar unha convocatoria de folga no caso de que non se reúna o sector para abordar as principais problemáticas: precarización, subcontratación, ritmos de traballo elevados, falta de políticas e investimentos en materia de prevención de riscos e xornadas abusivas.
“Nestes últimos anos podemos comprobar como as empresas pretenden impoñer un novo modelo de traballo no sector, que é o que emprega o grupo Armón; un modelo subvencionado pola Administración que se caracteriza pola ausencia de calquera tipo de control en materia de seguridade e que empeora as condicións de traballo coa implantación da xornada partida, obrigando as auxiliares a adaptarse ao seu horario, reducindo drasticamente o seu cadro de persoal e favorecendo a subcontratación, o que incide negativamente na coordinación de actividades, algo esencial na prevención de accidentes”, sinalan dende as centrais.
Unha industria auxiliar forte
En contraposición entenden que o naval, como sector de alto risco, ten que apostar por unha industria auxiliar forte e con estrutura con capacidade de aportar na prevención e na seguridade dos traballadores/as. “Levamos anos solicitando a xuntanza da mesa do naval, organismo fundamental para coordinar e impoñer as directrices que deberan implantarse no sector de forma uniforme e poder abordar os retos que ten o naval vigués de cara ao futuro, como a necesaria xubilación anticipada e os coeficientes redutores que sirvan para rexuvenecer os cadros de persoal e evitar o risco de traballar con determinadas idades nun sector de alto risco”.
Finalmente, esixen das administracións e da Inspección de Traballo que “deixen de fuxir” das súas responsabilidades e que se senten “dunha vez por todas” a abordar o futuro do sector e o modelo empresarial que se está a impoñer.
Estas ideas foron debulladas polo secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, ao remate da mobilización que tivo lugar hoxe para denunciar o falecemento dun operario precisamente no estaleiro Armón. O responsábel sindical foi o encargado de ler o comunicado conxunto elaborado pola CIG, CCOO e UGT para dicir “basta xa” e deixarlle moi claro á Xunta e á Inspección que “non imos permitir nin unha morte máis”.
A práctica totalidade dos traballadores/as do naval paralizaron a actividade do sector e concentráronse diante das instalacións de Armón a partir das 9:00 horas, partindo a continuación en manifestación polo centro da cidade, pasando polo Concello, a Xunta e rematando ás portas da Inspección. Unha vez alí solicitaron unha xuntanza coa autoridade laboral para instala a investigar o acontecido en Armón e a velar polo cumprimento das medidas de seguridade, encontro que terá lugar “ao máis alto nivel” nos vindeiros días, tal e como lles confirmaron dende a Inspección.
Ningún comentario:
Publicar un comentario