29 de set. de 2023

CULTURA

O enxeñeiro Francisco Fernández Dávila gaña o XVII Premio de Narrativa Breve Repsol co que colabora a Xunta de Galicia

 O xurado, en cuxa reunión estivo o secretario xeral de Política Lingüística, recoñece a súa novela ‘Groenlandia’ como un “mosaico literario de perfecto encaixe construído a través da intriga, de humor e unha pasarela de personaxes que, sen seren de ningures, sempre ficarán engaiolados nas illas Azores”


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, con membros do xurado
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O escritor e enxeñeiro Francisco Fernández Dávila vén de alzarse gañador da XVII edición do Premio Narrativa Breve Repsol pola obra súa obra Groenlandia, un certame que conta co apoio da Xunta de Galicia co fin de reforzar a creación de literatura en galego e promover o uso social da lingua. 

 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que participou na reunión do xurado, quixo agradecer un ano máis á Fundación Repsol “o seu compromiso coa lingua e literatura galegas a través deste premio, consolidado xa como un dos máis prestixiosos da nosa cultura”. Ademais, Valentín García felicitou ao galardoado “tanto polo premio acaecido como pola súa novela, plena e orixinal, feita cunha mestría e naturalidade digna deste recoñecemento”. 

 Canda o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades tamén participaron no acto do ditame Natalia Barreiro, directora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña, e Antón Vidal, presidente de Galaxia, así como varios membros do xurado. Sobre a novela galardoada, estes últimos definírona como “un mosaico literario de perfecto encaixe construído a través da intriga, de humor e unha pasarela de personaxes que, sen seren de ningures, sempre ficarán engaiolados nas illas Azores”. 

 A dotación económica do premio ascende a 12.000 euros e, como cada ano, inclúe a publicación da obra gañadora por parte da Editorial Galaxia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario