O 061 comeza a mobilizar ambulancias non asistenciais e cun só condutor para atender as emerxencias no Morrazo
Infogauda / O Morrazo
“O pasado venres, unha ambulancia destinada ao traslado de pacientes a diálise recibiu indicacións de atender dúas emerxencias en Cangas”, indicaron membros da CIG. Nas fotografías aportadas a este xornal “pódese ver a este vehículo realizando servizos urxentes no centro da vila e no PAC”.
Para reducir os tempos de espera das emerxencias no Morrazo o 061 comezou a mobilizar ambulancias que, tal e como se explica na Lei de Transporte sanitario, “non están acondicionadas para permitir asistencia sanitaria en ruta e que cuxo traslado non revista carácter de urxencia”. Ademais, estes vehículos contan cunha dotación de tan só un condutor que non ten obriga estar en posesión dunha titulación sanitaria. Pese a que tal e como se apunta dende a CIG a maioría de profesionais da area sanitaria si teñen esa titulación.
“É unha temeridade empregar ambulancias destinadas ao traslado de pacientes a consultas ou tratamentos programados para atender emerxencias. Un só profesional dificilmente pode atender con criterios mínimos de calidade unha situación de emerxencia. Pero ademais, como todo o mundo sabe, durante o traslado, se conduces-non asistes”, advirten dende a CIG.
A situación de asistencia sanitaria urxente na comarca do Morrazo non deixa de empeorar pese ao remate da tempada de verán. Tal e como denunciou a CIG en múltiples ocasións, “resulta obvio que hai determinados momentos do día nos que as ambulancias do 061 con base en Cangas, Moaña e Bueu non están a realizar ningún servizo, pero o feito de que se produzan emerxencias de forma simultánea ou nun mesmo período de tempo, lonxe de ser ocasións puntuais, forma parte do habitual dada a cantidade de poboación que hai que atender”.
Aínda que dende a dirección do 061 tan só se trasladan cifras que fan referencias aos tempos medios de asistencia da ambulancia de Cangas, o persoal sanitario advirte que de forma constante as urxencias que acontecen neste municipio son atendidas por recursos que veñen doutros concellos da comarca ou de lugares tan dispares como Vigo e ata incluso Redondela. Isto provoca unha reacción en cadea que desabastece de ambulancias do 061 a toda comarca e mesmo á cidade de Vigo aumentando perigosamente o tempo no que unha persoa tarda en recibir asistencia.
Estas situacións tan frecuentes nas que é necesario atender a varias emerxencias a un tempo, son as que poñen en evidencia a carencia de recursos no Morrazo. “As persoas non se accidentan ou enferman cada 3 horas, tal e como di o 061. As urxencias xorden cando xorden e hai atendelas o máis axiña posible”, explican os profesionais.
Dende a Unión Local da CIG no Morrazo, animan á poboación a denunciar aquelas situacións onde o 061 envíe unha ambulancia non asistencial, tripulada por un só profesional ou cando os tempos de espera superen os 20 minutos. Así mesmo destacan da importancia de non descargar a frustración cos profesionais que realizan a asistencia ou atenden as chamadas por teléfono que non son culpables da falta de recursos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario