30 de set. de 2023

PONTEVEDRA

Con motivo da entrada en vigor da Lei de Benestar Animal 

A ENTRADA E PERMANENCIA DE ANIMAIS NON ESTÁ PERMITIDA NAS FARMACIAS DE GALICIA 

 O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra informa que a Lei de Ordenación Farmacéutica de Galicia, en vigor desde finais do mes de xullo de 2019, prohibe a entrada e permanencia de animais nas farmacias, coa excepción dos cans de asistencia 

 A normativa sanitaria non permite marxe de decisión aos titulares das farmacias, que non teñen capacidade para autorizar o acceso de persoas con animais 




Infogauda / Pontevedra

 Desde a entrada en vigor da Lei 7/2023, do 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar animal, nas farmacias están a recibirse consultas de usuarios achega do acceso de animais. 

 E é que a Lei de benestar animal permite aos titulares dos establecementos, sexan estes públicos ou privados, facilitar o acceso de animais ás súas instalacións, sempre que non constitúan un risco para as persoas, outros animais e as cousas. 

 Con todo, esta mesma disposición matiza que debe terse en consideración a normativa sobre saúde pública, ou as ordenanzas municipais ou normativa específica. A este respecto, as farmacias son establecementos sanitarios e contan cunha normativa específica que as regula, que é a Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia. 

 Esta Lei, que leva aplicando desde a súa entrada en vigor a finais do mes de xullo de 2019, prohibe de forma expresa a entrada e permanencia de animais na oficina de farmacia, excepto dos cans de asistencia. 

 A presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo, declarou que “A Lei de ordenación farmacéutica é de obrigada aplicación e, por tanto, os farmacéuticos non están facultados para decidir se permiten ou non o acceso de animais nas farmacias. Simplemente non poden permitilo porque a Lei prohíbello”. 

 É por iso que en moitas farmacias da provincia de Pontevedra existe desde a entrada en vigor da Lei un cartel informativo advertindo desta prohibición e mesmo algunhas dispoñen dun espazo no exterior para que os donos deixen os seus cans, que agora terán que retirar. 

 “Para algúns usuarios vai supoñer un inconveniente non poder entrar co seu can na farmacia nin tampouco poder deixalo na porta, pero non é unha decisión dos farmacéuticos, senón que vén imposta pola normativa sanitaria”, sinalou Alba Soutelo. 

 O Colexio distribuíu carteis ás farmacias para que informen os usuarios de forma visible desde o exterior sobre esta medida. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario