NOVO PECHE DO PARQUE DO SPEIS DE CORUXO
Sección Sindical da CIG no Concello de Vigo
A sección Sindical da CIG do Concello de Vigo quere informar aos medios de comunicación que este pasado día 21 de xullo desde ás 22 horas até o día 22 de xullo ás 22 horas o parque de bombeiros da zona de Coruxo permaneceu pechado por falta de persoal.
Unha vez máis, a CIG quer denunciar o desleixo e a falta de responsabilidade por parte do Goberno municipal na procura dunha solución a un problema crónico.
Non é o primeiro peche do parque de Coruxo por falta de persoal.
Está corporación municipal está a incumprir os mínimos por ela mesma aprobados para garantir de forma mínima a seguridade da cidadanía pondo en serio risco a seguridade ao aumentarse considerabelmente os tempos de resposta perante un sinistro ou deixar a cidade de Vigo durante un período de 24 horas apenas cunha primeira saída (1 condutor/a, 1 mando e 4 bombeiros/as).
A gravidade de todo isto é aínda maior perante a pasividade á hora de resolver o problema.
As ofertas de emprego de persoal bombeiro dos anos 2020-2021-2022 están sen executar, a de 2023 que podería estar xa en marcha está paralizada, e por se isto fora pouco as bases das oposicións están paralizadas desde o 30 de xuño de 2022.
Solicitamos deste Goberno, co seu máximo representante, que utilice dunha forma áxil a sua maioría absoluta para resolver dunha vez este problema crónico no servizo de bombeiros de Vigo. Para iso deberán de tratar coa madurez suficiente este asunto e polo na axenda de forma prioritaria nunha axenda municipal chea de eventos con moito glamour e festividade.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario