26 de xul. de 2023

TOMIÑO

O Mercado de Tomiño renova por catro anos o selo de ‘Mercado Excelente’ que concede a Xunta de Galicia  

Só tres concellos de Galicia teñen esta distinción. 

O de Tomiño foi o primeiro mercado de Galicia en acadar este selo  

O director xeral de Comercio, Manuel Heredia, entregou á alcaldesa Sandra González a revalidación por catro anos máis    

 

O director xeral de Comercio, Manuel Heredia, coa alcaldesa, membros da corporación municipal e praceiras/os, no acto da renovación do selo de ‘Mercado Excelente’ ao mercado Municipal de Tomiño

Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño

 O director xeral de Comercio, Manuel Heredia, acudiu hoxe ao Mercado Municipal de Tomiño para entregar a renovación do selo de ‘Mercado Excelente’, que avala por catro anos máis a calidade desta praza de abastos, en canto á súa innovación e modernización, sen perder o compromiso coa tradición e a profesionalidade dos e das praceiras.  

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, agradeceu a todas as persoas que traballan no Mercado o seu labor á hora de manter a calidade do servizo, así como á cidadanía que se achega a mercar alí cada día.  

 O selo de ‘Mercado Excelente’ valora catro aspectos globais dos mercados: a imaxe do mercado, as instalacións e accesibilidade, a organización, unidade de xestión e profesionalidade dos praceiros e praceiras; a atención ao cliente e a prestación de servizos, así como a implicación e integración do mercado na vida social do Concello.  

 Este selo é un distintivo difícil de acadar, de feito só tres concellos de Galicia o teñen:  o mercado de Pontedeume, o de Vilagarcía e o de Tomiño. O selo renóvase cada catro anos, e neles o Mercado de Tomiño traballou para manter e mellorar os seus servizos, infraestructuras e trato ao público. Un selo no que a praza tomiñesa é pioneira, posto que foi a primeira en recibir esta distinción que outorga a Xunta de Galicia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario