3 de xul. de 2023

TOMIÑO

O Spartan Team celebra a súa primeira velada de boxeo profesional en Tomiño   

Organizada polo club tomiñés en colaboración co CKM de Mos e co apoio do Concello, a xornada acollerá 8 combates de diferentes categorías  Será este sábado 8 de xullo ás 20.30 h no pavillón de Goián 


Os irmáns tomiñeses Charly e David Lopez subiranse por primeira vez xuntos a un ring para boxear como contrincantes

Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 Tomiño prepárase para acoller a súa primeira velada profesional de boxeo. O club local Spartan Team en colaboración co CKM de Mos e co apoio do Concello organiza este sábado 8 de xullo a xornada ‘Comezo da lenda – Return’, un encontro ás 20.30 horas no pavillón de Goián no que o público poderá desfrutar de oito combates disputados nas diferentes categorías amateur, neoprofesional e profesional, 7 masculinos e un feminino, que reunirán a boxeadores de diferentes zonas da comarca.  

 Os irmáns tomiñeses Charly e David Lopez subiranse por primeira vez xuntos a un ring para boxear como contrincantes. Tanto Charly como David, parte do equipo técnico do Spartan Team, tiveron unha longa vida vinculada a diversos deportes, dende fútbol ou motocross, no que conseguiron varios títulos e campionatos galegos, ata piragüismo, no que chegaron a proclamarse campións de España. Tras esa dilatada vida deportiva recalaron no boxeo, no que tamén posúen títulos rexionais e nacionais. Os irmáns boxearán diante da súa xente nun combate que será a terceira experiencia profesional sobre o ring para David e a quinta para Charly tras unha dilatada carreira como kickboxer e boxeador amateur.  

 Neste evento tamén competirán Filipe Amoedo, Daniel Fernández e Luis Mercedes, tamén do Spartan Team, así como diferentes púxiles de clubs da provincia. 

 As persoas interesadas en desfrutar da velada poden xa mercar as súas entradas no bar Vaya Punto, de Goián; no Olalá, de Tomiño; no Pool Chaos, da Guarda; no bar El Cielo, de Tui; no Kick&Box Club, de Salceda de Caselas; ou no CKM de Mos, así como en taquilla o mesmo día da xornada. A apertura de portas será ás 19.30 horas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario