3 de xul. de 2023

SALCIDOS (A GUARDA)

A VISITA AO CASTRO DO PICO DA BANDEIRA, TODO UN ÉXITO DE PARTICIPACIÓN

  Ao evento, organizado pola xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos, asistiron máis de 80 persoas 


O arqueólogo Benito Vilas Estévez - no centro - informando as persoas participantes na actividade, sobre as características do castro do Pico da Bandeira, no monte Torroso
Fotos: Antonio Álvarez



Ricardo Rodríguez Vicente / Salcidos

 Vén de ter lugar unha visita ao castro do Pico da Bandeira, no monte Torroso, organizada pola reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Salcidos, que preside Antonio Álvarez González.

 No evento, que deu comezo ás 19:00 horas, do sábado día 1 de xullo de 2023, na Casa da Comunidade de Montes - situada na Subida ao Torroso -, cunha andaina de dificultade media, duns 15 minutos de duración, participaron máis de 80 persoas, tanto da localidade como visitantes, segundo os datos facilitados a este cronista por membros da devandita comunidade de montes.

 Logo de concentrarse na contorna do castro do Pico de Bandeira, o secretario da xunta reitora, Manuel Benito Lomba Portela, deulles á benvida a todas ás persoas participantes, agradecéndolles súa asistencia, e a continuación fixo á presentación do arqueólogo Benito Vilas Estévez, investigador do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT), vinculado a Facultade de Historia da Universidade de Vigo; e do equipo do Proxecto PreMedia, e a súa vez, membro da empresa Árbore Arqueoloxía e Restauración Sociedade Cooperativa Galega, que entre outras actuacións interviu nos traballos de posta en valor da torre medieval de Meira (Moaña); autor da tesina A orientación dos megalitos de Galicia, que realizou no Trinity Saint David, da Universidade de Gales, dirixida por Fabio Silva, premio Carlos Jaschesck da Sociedade Europea da Astronomía da Cultura; e coautor de máis de trinta traballos de investigación arqueolóxica.

 Benito Vilas Estévez informou respecto das características (cronoloxía de ocupación, sistemas defensivos, etc.), dese fermoso enclave e tamén respondeu ás preguntas que lle fixeron varias persoas.

 Segundo nos referíu Manuel Benito Lomba, a visita realizada ao castro do Pico da Bandeira foi unha grata experiencia para todas as persoas que puideron asistir, cuxo número sorprendeu gratamente tanto ao arqueólogo convidado para esa ocasión, como aos membros da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos.

 Non cabe dúbida que coa súa participación, á cidadanía acredita seu interese por coñecer os bens patrimoniais - neste caso o castro do Pico da Bandeira - e ao mesmo tempo, os visitantes tiveron oportunidade de comprobar in situ o estado de revista do monte Torroso - privilexiado enclave natural, paisaxístico e xeolóxico - correspondente a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos.

Castro do Pico da Bandeira

O castro do Pico da Bandeira, no monte Torroso, localizado (Latitude: 41.9225740736 - Lonxitude: -8.8610959053) no límite entre os concellos de A Guarda e O Rosal, foi escavado a inicios do século XX pola Sociedad Pro-Monte Santa Tecla.

Nese xacemento arqueolóxico (Código no Catálogo da Xunta de Galicia: GA-36023005) apareceron diversos fragmentos de cerámicas, trisqueles, obxectos líticos e outras pezas de valor dos que nestes momentos non se coñece o seu paradoiro ou que están mesturados cos restos doutros lugares. Por iso, tras a limpeza da zona promovida pola Comunidade de Monte Veciñais en Man Común da parroquia de Salcidos, en colaboración coa súa homóloga de Santa Mariña do Rosal hai tres anos, que permitiu documentar os restos dunha vivenda en superficie; o Concello rosaleiro promoveu no verán de 2022 unha pequena escavación de 12 metros cadrados no entrono da muralla “para coñecer o seu estado de conservación e potencial, así como para descubrir máis datos sobre a época deste castro e sobre as súas xentes”.

Ademais desta actuación, tamén se poñerá en valor un petróglifo - reticulado - situado a escasos metros do castro, que podería ser cronolóxicamente anterior á época da Idade do Ferro.

Asemade relembramos que a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos promoveu en 2021, unha actuación para á limpeza, sinalización e posta en valor do Castro do Pico da Bandeira. Os devanditos traballos foron dirixidos por Benito Vilas Estévez, presidente de Árbore Arqueoloxía e Restauración Sociedade Cooperativa Galega, e realizados por persoal desa empresa. Básicamente consistiron en labores de desbroce e retirada de árbores, piñeiros, maioritariamente. E a continuación viu á sinalización e a conseguinte posta en valor do castro.

"Non se escavou nin nada de momento. Ainda que se prevé no futuro cun pouco sorte poder escavar unha casiña que apareceu durante as tarefas [de limpeza da zona arqueolóxica]".

Para orientar aos visitantes do castro do Pico da Bandeira, de xeito que súa estadía sexa o máis proveitosa, cultural e patrimonialmente, foi instalado un panel no que figura a seguinte información:

"O castro do Pico da Bandeira é un castro de grandes dimensións con enormes murallas, fosos e parapetos, de aproximadamente 6 hectáreas e que controla o val de Salcidos e o esteiro do río Miño dende o Norte, sendo visible ó Sur o famoso Castro de Santa Trega. O castro, ten forma de “globo” e presenta distintas terrazas, situándose na parte superior do mesmo (ó Noroeste) a principal que sería a croa. O Castro atópase maioritariamente no territorio da Parroquia de Salcidos do Concello da Guarda, en terreos da Comunidade de Montes de Salcidos. Unha pequena parte do mesmo sitúase no Concello do Rosal, en terreos da Comunidade de Montes do Rosal.

Realizáronse no pasado Intervencións arqueolóxicas por parte da “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla” durante a década dos anos 20 do século XX, pero a falta de estudos científicos sobre os seus achados e a falta de escavacións máis recentes non permiten fixar unha cronoloxía para o mesmo. Sen embargo, teñen aparecido restos de tégula e algúns outros materiais de época romana, que apuntan a que puido estar habitado, cando menos, no cambio de era.

A Comunidade de Montes de Salcidos foi a promotora dos recentes traballos de adecuación de gran parte do castro (preto de 3,5 hectáreas), que consistiron na roza e corta de árbores do seu interior coa fin de comezar as labores de posta e valor.

Durante estes traballos foi localizado un pequeno muro curvo, que pertencería ós restos dunha vivenda, nun dos lugares nos que probablemente actuou a “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla”. No interior do castro, consérvanse restos dun petróglifo caracterizado por diversas liñas e que posúe o que parecen ser os restos de, cando menos, tres chanzos que puideron ser usados polos habitantes do castro para subir ou baixar por esta pedra.

Recentemente, nas súas inmediacións foi localizado o Petróglifo dos Campos, consistente en diferentes motivos circulares e un reticulado".

En agosto, andaina nocturna: petróglifos e observación de estrelas

Por outra banda, á xunta rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos, ten prevista para o vindeiro mes de agosto outra actividade: unha andaina nocturna, para ver os petróglifos e as estrelas.

Oportunamente serán anunciados á hora e o lugar de saída.

Ningún comentario:

Publicar un comentario