4 de xul. de 2023

O ROSAL

Cultura polos barrios, coa completa axenda do mes de xullo no Rosal  

O concello prepara unha programación cargada de actividades en San Xián, Martín, San Miguel, As Eiras ou O Calvario  




Infogauda / O Rosal 

 O Concello do Rosal prepara unha axenda cultural cargada de actividades para este mes de xullo. Dez propostas para todos os públicos e gustos que dá a benvida por primeira vez ao programa ‘Cultura polos barrios’, unha iniciativa que levará diferentes actividades este mes e o seguinte a diferentes puntos do municipio e que comezará este mesmo martes 4 de xullo coa actuación de ‘Acordeireta’.  

 Patricia González e Alejandro Balbuena fusionan a música de acordeón e pandeireta para divertirse e transmitir un sentimento arraigado nas raíces, reivindicar temas sociais dos nosos tempos e dignificar a lingua e cultura galega. Chegarán co seu repertorio ás 21.00 horas á Praza do Calán, de San Xián, con entrada de balde.   

 Tras o ‘Conssertasso na horta’ o día 6 na Praza de Martín e a actuación de Tonichi&Pacheco o venres 7 na Praza do Calvario, chegará a quenda dunha nova edición da Feira do Viño do Rosal os días 14, 15 e 16 de xullo.  

 O día 22, na Praza do Calvario, o público poderá desfrutar coa actuación de Uxía e Javier Ruibal, na que presentarán un disco inspirado en poemas de Rosalía de Castro e Federico García Lorca. Será o primeiro acto das Festas do Pilar de Verán, que ata o día 25 contará con diferentes eventos como o Festival Xente Xida, o Encontro dos Pobos, o Torneo de Xadrez, actuacións infantís e coa actuación da Banda da Agrupación Musical do Rosal, cun repertorio dos mellores musicais e acompañada de cantantes solistas como peche de luxo.  

 A axenda cultural deste mes no Rosal acolle ademais unha nova edición do Rosal Cámara Fest, organizado pola Agrupación Musical do Rosal e que comeza o 26 de xullo, ás 21.00 horas, na Escola Vella de San Miguel, coa actuación do grupo de clarinetes Klason, e que continuará durante a primeira semana do mes de agosto.  

 O mes rematará coa Mostra de Cine das Eiras, organizada pola Asociación Ghorghalado, que celebra xa a súa terceira edición e comeza a facerse un oco entre os festivais dedicados ás curtametraxes.  

 “Temos lista unha completa e vibrante programación coa que levar o lecer aos barrios do Rosal, gozando do bo tempo, das actividades ao aire libre e dun verán cheo de ocio, cultura e experiencias”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora convida a toda a veciñanza a desfrutar e participar nas diferentes actividades preparadas para as vindeiras semanas.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario