8 de xuño de 2023

VIGO

A CIG-Saúde denuncia “descubertos reiterados” de persoal médico nos PAC da área sanitaria de Vigo 

Infogauda / Vigo

 A CIG-Saúde denuncia que durante o último mes estase a producir unha situación “moi preocupante” nos Puntos de Atención Continuada (PAC) da área sanitaria de Vigo, con máis dunha ducia de “descubertos” de persoal médico en centros de Ponteareas, Cangas ou Vigo. 

 Dende a central sindical sinalan que o que está a acontecer “é especialmente alarmante” ao tratarse de centros que deben de asegurar a atención urxente entre as 15:00 e as 8:00 horas en días laborábeis e de 8:00 a 8:00 durante as fins de semana e os festivos, polo que son considerados servizos esenciais. Ademais alertan de que en período estival “pode que esta situación se poida ver agravada”. 

 Lembran que veñen advertindo desta problemática dende hai tempo e inciden en que “xa se vía vir” tendo en conta que non se están a cubrir a totalidade de prazas estruturais de varios centros da área. “Malia terlle solicitado á Xerencia da área sanitaria de Vigo a cobertura de todas as prazas dos plans funcionais dos PAC, esta non aceptou coa escusa de que hai que deixar horas para que o persoal FEAP de nova creación realice parte da xornada nestes centros”, critican. 

 Ao mesmo tempo lamentan que “o tempo veña a darnos a razón” e que se estea a producir un deterioro das condicións de traballo nos PAC, “quedando con menos persoal do que está establecido, o que nos fai lembrar a situación que se vive na área sanitaria de Pontevedra”. 

 Tamén consideran que se perdeu a oportunidade de ofertarlle estas prazas estruturais ao persoal que vén de rematar o MIR, “a pesar de que varias medicas especialistas en familia e comunitaria estaban interesadas en postos con estas características”.  

 Por todo isto, reiteran a denuncia efectuada varios meses atrás e solicitan unha rectificación por parte da Xerencia da área sanitaria de Vigo “a respecto do que pretende ser un cambio de modelo na atención primaria que está a provocar un deterioro nas condicións de traballo e da atención urxente á poboación”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario