2 de xuño de 2023

O ROSAL

Literatura, cine e fotografías para facer memoria histórica   

O Rosal acollerá ao longo da vindeira semana seis actividades do proxecto ‘O pasado por vir’ da Deputación de Pontevedra 



Infogauda / O Rosal

 Coñecer a historia do primeiro terzo do século XX en Galicia para construír unha sociedade acorde co país soñado por aquela xeración devastada polo fascismo. Ese é o obxectivo do proxecto ‘O pasado por vir’, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que chega ao Rosal cunha semana chea de actividades, como presentacións de libros, exposicións e proxeccións audiovisuais. 

 “Durante a vindeira semana os rosaleiros e rosaleiras poderán achegarse a diferentes historias de persoas que loitaron por tentar construír o país e a sociedade que querían aínda que o seus soños foran aniquilados”, explica a alcaldesa en funcións, Ánxela Fernández Callís.  

 As actividades comezarán coa presentación do libro ‘Mulleres represaliadas no cárcere de Tui’, unha lembranza a todas as mulleres represaliadas da comarca, con historias daquelas que pasaron polo cárcere do partido xudicial de Tui. A presentación será o luns 5 de xuño ás 20.30 horas no salón de exposicións do Concello e contará cunha visita guiada á mostra do mesmo nome da man de Helena Pousa Ortega e Quico Paz Antón, dous dos autores do libro xunto a Marga do Val e María Victoria Martínez.  

 Pola súa banda, a exposición ‘Mulleres represaliadas no cárcere de Tui’, deseñada por Ángeles Velázquez e que homenaxea ás mulleres encarceradas entre 1936 e 1939 nesta prisión, estará aberta ao público do 3 ao 7 de xuño de luns a sábado de 10.00 a 13.00 horas. 

 Do 5 ao 16 de xuño, o salón de exposición acollerá tamén ‘Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra’, unha mostra con medio centenar de imaxes da fotógrafa Alba Díaz e textos de Lois Pérez a modo de crónica da rodaxe do documental que leva o mesmo nome e co que se busca amosar lugares da memoria histórica e feitos relacionados coa represión franquista na provincia de Pontevedra co apoio das voces de artistas do panorama musical galego, como Uxía ou Tanxugueiras. A exposición estará aberta ao público de luns a sábado de 10.00 a 13.00 horas. 

 O programa de actividades rematará o xoves 8 de xuño ás 20.00 horas no auditorio municipal coa proxección do documental ‘Acorda’, do que nace a propia exposición. Ademais, o público poderá ver tamén a curtametraxe ‘Mariví, na pel da memoria’, unha peza que conta a historia de Mariví Villaverde, unha muller comprometida exemplo perfecto do tempo do exilio, xa que tivo que marchar por ser filla do primeiro alcalde republicano de Vilagarcía; da resistencia, na que traballou xinto á súa parella Ramón de Valenzuela; e de loita polos ideais da memoria. Tras a proxección haberá un coloquio coas directoras.  

 Todas as actividades serán de balde e abertas a todo o público. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario