O Rosal, un dos escenarios da I Volta Ciclista ó Baixo Miño
• O Concello colabora co Team Oiense nesta proba de 125 quilómetros que se celebrará o domingo 4 de xuño
De esa. á der.: Germán Fernández, concelleiro de Deportes en funcións, xunto con Aser Estévez, presidente do Team Oiense, na presentación da I Volta Ciclista ó Baixo Miño
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Rosal será o vindeiro domingo 4 de xuño un dos puntos destacados da I Volta Ciclista ó Baixo Miño. Trátase dunha competición puntuable para o ránking nacional e a Copa de Galicia nas categorías Élite e Sub23 na que 130 corredores percorrerán 125 quilómetros ao longo de cinco concellos da comarca.
Organizada polo Team Oiense, o Concello do Rosal colabora xunto co resto de Concellos da comarca, no caso rosaleiro co primeiro maillot galego. A proba sairá ás 10.00 horas dende o campo de fútbol de Oia, dende onde se dirixirá cara ao Rosal para chegar á Guarda e dirixirse logo cara á PO-552, pasando por Pías para continuar o percorrido.
Na proba participarán corredores procedentes de oito equipos galegos, así como de Asturias, Cantabria ou Portugal, entre outros. “Será unha competición moi emocionante que promete dar un verdadeiro espectáculo deportivo na comarca, unindo ciclismo de alto nivel coa beleza da contorna da comarca do Baixo Miño”, salienta o concelleiro de Deportes en funcións, Germán Fernández.
Dende o Concello quere trasladarse os parabéns ao Team Oiense polo esforzo para organizar esta proba que sen dúbida converterase nunha cita obrigada do calendario ciclista nunha comarca de gran tradición deportiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario