ANTES DE QUE SE POÑA O SOL, NOVA CURTA DE NANI MATOS
A estrea será este venres día 30 de xuño, ás 20:30 horas, no Teatro Principal, de Pontevedra
Ricardo Rodríguez Vicente / Pontevedra
Con preto de un cuarto de século como actor profesional, ademais da súa achega como guionista e director, é, con toda probabilidade, unha das persoas que máis leva feito a prol da cultura de noso. Neste caso polo cinema galego. Chámase Laureano Matos Barcia (A Guarda, 1966), máis todo o mundo coñéceo como Nani Matos.
Vímolo na XX edición do Festival de Cans e preguntámonos: en que andará metido este home que hai preto de sete anos que non sabemos del?
Sete anos fai que estreou Lurna (2016), súa curta máis premiada, que contabiliza máis de 30 recoñecementos internacionacionais.
Desde aquela, como director non tivo - que nos saibamos - actividade productiva. En todo caso, este venres día 30 de xuño, ás 20:30 horas, no Teatro Principal, de Pontevedra - con acceso de balde ata completar a cabida - vai estrear Antes de que se poña o sol.
Trátase dunha curtametraxe que narra un conflicto no que están involucrados os pais e catro irmáns adultos, que teñen que tomar unha decisión, pero non hai consenso entre eles. A partires dos encontros ou máis ben dos desencontros, o director fai unha reflexión arredor desas cousas que acontecen intra muros do ámbito familiar e que terminan por complicarse.
O filme gravouse entre agosto e setembro de 2022, nunha parroquia de Negreira (A Coruña), atendendo a unha proposta de Ana Seoane, directora de arte.
No equipo artístico, Nani Matos voltou a contar con Mela Casal, para o papel protagonista. É unha actriz que xa traballara en Dies dei (2009) e Flores para Amalia (2013). Nesta ocasión comparte protagonismo con Sabela Rodríguez, unha nena da Guarda, que debuta como actriz. Completan o elenco Teté García, Xosé Manuel Esperante, Victoria Teijeiro, Machi Salgado e o propio Nani Matos, que se autodirixe.
A curtametraxe colaborou coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde algúns dos alumnos, vinculados á aula de audiovisuais, puideron colaborar cos distintos departamentos da curta e vivir de preto unha rodaxe.
Deste xeito, mañá será un día no que Nani Matos vai gozar co froito do seu labor, compartido co equipo actoral e técnico de Antes de que se poña o sol, súa cuarta curta para a cal lle desexamos os maiores éxitos. Como os alcanzados coas tres anteriores, que contabilizan máis de 200 seleccións nacionais e internacionais e preto de 50 premios.
Ainda que semellaba que non, e quizais a pandemia tivo moito que ver nesa impresión persoal, Nani Matos sí tivo actividade productiva. Vaia se a tivo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario