"Honckenya peploides"
CASE 120 ANOS DESPOIS DE SER CITADA POLO BOTÁNICO BALTASAR MERINO, VOLVEMOS VER ESTA ESPECIE NA PRAIA DE CAMPOSANCOS
Agustín Ferreira Lorenzo / Camposancos
Onte, sen esperalo, puidemos ver os primeiros exemplares de "Honckenya peploides" na praia de Camposancos, na zona do Puntal. Dende o 2015 realizamos varios intentos de reintrodución sen éxito. O pasado ano, alá polo mes de marzo, levamos a cabo unha nova plantación de exemplares procedentes do outro lado do Miño. Por fin, como dicimos, onte observamos algúns fermosos exemplares que sobresaían da area.
Esta planta xa a citara nesta zona o xesuíta Baltasar Merino na súa insigne obra "Flora descriptiva e ilustrada de Galicia", cuxo primeiro tomo -dos tres que houbo- foi publicado no ano 1905. Este xesuíta foi un dos maiores botánicos que houbo en Galicia. En canto á planta, nós nunca chegamos vela na praia de Camposancos. Cremos que puido desaparecer nos anos sesenta, cando se empezou a sacar area da mesma. En ANABAM, incluímos esta especie no proxecto PREABAM. Onte, coa observación dos primeiros exemplares, vemos unha porta aberta ao incremento da biodiversidade. Estamos, dende logo, cheos de ledicia. Se o desenvolvemento desta planta segue, a partir de agora, en positivo, teremos na costa baixomiñota dous puntos de presenza desta especie tan ameazada: na pequena praia de Mougás -onde realizamos labores de protección- e, agora, Camposancos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario