12 de xuño de 2023

A GUARDA

“Remando ao vento. A figura como paisaxe e emoción”, de Carmen Gloria Sobrino Sánchez

A mostra de pintura inaugurarase o venres 16 de xuño, ás 20:30h., na Casa dos Alonso




Infogauda / A Guarda

 O vindeiro venres 16 de xuño,  ás 20:30h., na Casa dos Alonso, inaugurarase “Remando ao vento. A figura como paisaxe e emoción”. Unha exposición da obra pictórica de Carmen Gloria Sobrino Sánchez, doutora en Belas Artes e profesora da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) xa retirada, e a súa vez, veciña de A Guarda. 

 Con esta mostra, a primeira que vai celebrar na nosa vila, a artista quere amosar unha selección da súa obra aos seus veciños, e por iso propón esta exposición na que se quere centrar no mundo das emocións. Así entende ela a arte como a plasmación das sensacións que lle produce a interacción coa xente, coa contorna, coa vida en definitiva.   

 Cunha vinculación moi grande coa vila de A Guarda, Carmen Gloria Sobrino, que residiu ao longo da maior parte da súa vida fora desta localidade, quixo volver para establecer aquí a súa residencia tralo seu retiro profesional. Unha vinculación que está moi unida á arte pois garda un gran recordo dos veráns da súa infancia, cando se afeccionou á pintura da man da súa avoa e dos seus curmáns. Segundo nos relata, sempre houbo unha forte presencia da arte na súa familia, presencia que se fixo nela cada vez mais grande ata o punto de decantarse polos estudos de Belas Artes e canalizar súa carreira profesional nese eido.   

 Carmen Gloria Sobrino convida aos seus paisanos a achegarse do 16 ao 28 de xuño, a coñecer a súa obra acudindo cunha predisposición a deixarse levar, acudir sen idea previa preconcibida pero predisposta á emoción, ás sensacións e por enriba de todo a partillar estas sensacións con ela, que estará presente na sala, querendo facer desta proposta unha actuación participativa.   

 A mostra poderá visitarse nos seguintes horarios:  

De luns a venres de 10:00 a 13:30h., sendo atendida polas tardes só os xoves, venres e sábados, entre ás 19:00 e ás 20:30h. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario