O CONCELLO DE A GUARDA BRINDOULLE UNHA RECEPCIÓN AS REMEIRAS XUVENÍS DO CLUB DE REMO ROBALEIRA
• Campioas de Galicia e de España de traineiriñas; campioas das fases territoriais e campioas de Galicia de bateis
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Como máis que merecido premio a unha temporada colmada de éxitos deportivos (campioas das fases territoriais e campioas de Galicia de bateis; e campioas de Galicia e de España de traineiriñas), na tarde deste venres día 9 de xuño, tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello á recepción oficial ás deportistas xuvenís féminas do Club de Remo Robaleira, Uxía Fernández, Tania Dorado, Esther Dorado, Aroa Castro, Claudia Dorado, Lidia García, Nerea Dorna e Tecla Baz.
Arroupadas por familiares, amizades, compañeiras/os e membros da xunta directiva do C.R. Robaleira, a recepción ofrecida - coordinada por Mª Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de deportes en funcións - serviu para que os portavoces de cada grupo municipal lles expresasen o orgullo que todo o pobo de A Guarda sinte polo magnífico traballo realizado por todo o equipo, así como pola directiva da entidade deportiva.
Logo das respectivas intervencións, Antonio Lomba Baz, alcalde en funcións, tamén lles dirixiu unhas verbas, pondo en valor o mérito de todo canto ten logrado o Club de Remo Robaleira, dende súa fundación ata o día de hoxe, e de xeito moi especial os logros acadados polas remeiras xuvenís féminas nesta temporada. Éxitos que son compartidos polas propias deportistas, polas súas familias e por toda á cidadanía de A Guarda.
A continuación, interviu brevemente unha das remeiras, visiblemente emocionada. E despois sería o turno de Eva Uris, decindo que desde A Guarda ata Hondarribia, cando se fala do Club de Remo Robaleira, fálase de A Guarda, e viceversa.
Tamén indicou que as/os deportistas que practican remo na modalidade de banco fixo, saben que non van sair nos medios audiovisuais, nin van ir as olimpíadas, nin tampouco van poder vivir deste deporte, e que van adestrar de luns a domingo. Ainda así, grazas o labor realizado no club e o exemplo das remeiras, este ano houbo 15 novas fichas de deportistas que pasaron a formar parte do C.R. Robaleira. Iso, e o apoio do concello e das familias dos/das deportistas, motívannos a continuar neste labor que tanto ben fai a nosa mocidade.
Tamén fixo uso da palabra o adestrador José Rodríguez Rodríguez (Josito), para agradecer todos os apoios recibidos que contribúen a dar novos azos para continuar practicando este deporte tan sacrificado e ao mesmo tempo tan fermoso.
Uns ramos de flores, que foron entregados polos concelleiros en funcións, presentes na recepción, e a entrega ao alcalde en funcións, dunha camiseta asinada polas remeiras - que como dixo Antonio Lomba - estará ubicada nun lugar preferente - sería o preludio do momento máis agardado por todos: a saída das remeiras aos balcóns da Casa do Concello - que desde fai días amosa unha lona dándolles os parabéns as campioas de España de traineiriñas -, e desde alí, amosar ás bandeiras acadadas nesta temporada. Momento que como os anteriores, foron correspondidos polos compañeiros do Club de Remo Robaleira, familiares, seareiros, e veciñanza, con merecidos aprausos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario