9 de xuño de 2023

A GUARDA

As tradicionais alfombras florais enfeitarán as rúas da vila esta fin de semana   

A veciñanza de A Guarda vén traballando arreo para continuar cunha tradición moi arraigada na vila, e convida a veciños e visitantes a gozar da elaboración das alfombras florais. 

Este ano a misa terá lugar ás 19:00h na igrexa parroquial e a procesión sairá ás 20:00h co percorrido habitual. 

Nesta edición vaise recuperar a alfombra de sal na Ribeira


Un momento do proceso de confección da alfombra floral no primeiro tramo da rúa Concepción Arenal, nunha edición precedente

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Esta fin de semana celebrarase na vila de A Guarda a festividade do Santísimo Sacramento. E para darlle a característica relevancia, dende fai varias semanas decenas de persoas traballan con moito esforzo e dedicación na preparación dos diferentes materiais que se empregarán na confección das alfombras florais.   

 Por esa razón, unha representación da veciñanza do pobo está traballando arreo, de xeito colectivo e organízado, coa coordinación da Asociación Cultural Alfombras da Guarda, para levar a bo termo esa actividade, a xeito de ofrenda ao Santísimo. Un labor impagable, feito con agarimo, devoción e sacrificio, que unha vez culminado serán uns 2.300 metros cadrados de superficie de tapices florais. Magníficas expresións de arte popular, que lucirán no seu máximo esplendor cando rematen os traballos dos grupos de alfombristas das seguintes prazas ou rúas: Praza do Reloxo, praza de Ignacio Sobrino (antigamente denominada popularmente Praza da Fariña), rúa Oliva, rúa Hernán Cortés, praza de José María Lomba (antigamente coñecida como O Terrado), rúa Malteses, A Ribeira, e rúa Concepción Arenal (tres tramos) - que se engalanan para esta ocasión.  

 Existen informacións antigas que acreditan a importancia e a tradición da celebración na Guarda, da festa do Corpus Christi - ou do Señor, como se decía coloquialmente, especialmente entre as xentes do mar - xa dende o século XVIII.

 A Asociación Cultural Alfombras da Guarda, creada en 2018, é a encargada na actualidade de velar pola promoción e manter a tradición histórica das alfombras florais do Corpus na nosa localidade, así como de dar a coñecer, pór en valor e visualizar o traballo e o san orgullo que supón para os seus veciños, membros e colaboradores, e a poboación guardesa en xeral.  

 "Dende o Concello de A Guarda se quere agradecer o labor de todas as persoas que traballan para que esta celebración continúe e para que visitantes e locais podan gozar das mesmas. Un enorme esforzo que se ve recompensado polos espectaculares resultados unha vez están confeccionadas, sendo auténticas obras de arte en flor", indican desde o Goberno municipal en funcións.   

 Do mesmo xeito "dende a Asociación Cultural Alfombras da Guarda se fai un chamamento aos veciños e veciñas para que participen na confección das alfombras, para manter viva unha das tradicións máis arraigadas da nosa vila". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario