A Guarda formará parte do circuito de concellos que conforman o Ciclo Mestre Mateo 2023
• E que presentará nas 23 localidades escollidas, as proxeccións das longametraxes finalistas na edición 2023 dos Premios Mestre Mateo
Infogauda / A Guarda
Neste mes de xuño comezará na Guarda o Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual que conta coa colaboración das catro deputacións provinciais, para poder amosar o mais novidoso e relevante do noso cinema nas vilas de Galicia.
Esta proposta que tivo a súa primeira edición o pasado ano 2022, suma neste 2023 novas localidades entre as que se atopa a vila de A Guarda. O ciclo conleva a proxección de 8 filmes, de ficción, documental e animación que se proxectarán entre os meses de xuño e novembro.
O ciclo comezará no mes de xuño coa proxección - no Centro Cultural - de dúas longametraxes de ficción: o 8 de xuño con Código Emperador, filme de acción dirixido por Jorge Coira estreado no XXIV Festival de Málaga, onde tamén tivo a súa estrea a longametraxe Live is life (Dani de la Torre, 2022); que poderá verse na Guarda o 29 de xuño.
Durante o verán o ciclo fará unha pausa para retomarse no mes de outubro, cando poderemos ver a gran gañadora da edición 2023: O Corpo Aberto, que se fixo con 12 galardóns na presente edición dos premios Mestre Mateo 2023. Outros filmes que teremos a oportunidade de ver nos meses de outubro son: o documental María Casares, a muller que viviu mil vidas, e Unicorn Wars recoñecidas como mellor documental e mellor longametraxe de animación, respectivamente. O filme de animación Valentina, que foi gañadora no 2022 do Goya á mellor longametraxe de animación, así como os documentais A foreign song (César Souto, 2022) gañadora dos premios á mellor longametraxe española e mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; e Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreada no OUFF – Ourense Film Festival.
Na web ciclomestremateo.gal pódese consultar toda a información do ciclo, así como as fichas das películas e a axenda de proxeccións, que reproducimos a continuación:
8 de xuño, ás 21:00h.
Código Emperador.
29 de xuño, ás 21:00h.
Live is life.
7 de outubro, ás 18:00h.
Valentina.
11 de outubro, ás 21:00h
O corpo aberto.
26 de outubro, ás 20:30h.
A foreign song.
10 de novembro, ás 20:30h.
Unicorn Wars.
16 de novembro, ás 20:30h.
Onde máis doe.
30 de novembro, ás 20:30h.
María Casares a muller que viviu mil vidas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario