8 de maio de 2023

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA RECIBE 600.000 € DE FONDOS EUROPEOS PARA IMPULSAR A AXENDA 2030 NOS CONCELLOS RURAIS E TRANSFRONTEIRIZOS 

 Coas axudas concedidas polo programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, a Deputación liderará un proxecto no que ademais participan o Alto Minho e a Beira Baixa portuguesas as provincias de Cáceres e Huelva


Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra 

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer a concesión dunha nova axuda de 600.000 euros procedentes de fondos europeos ao abeiro do programa de cooperación transnacional Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2017 para desenvolver un proxecto que persegue a implementación e localización da Axenda 2030 nos pequenos municipios rurais e transfronteirizos, adaptando os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible globais, os 17 ODS, ao mundo local.  

 O proxecto, “C2 Axenda 2030 Local de Capacitación e Colaboración”, é un plan transfronteirizo e plurirrexional impulsado, coordinado e liderado pola Deputación e da que forman parte outras seis entidades sociais: a Universidade de Vigo, as deputacións de Cáceres e Huelva e as comunidades portuguesas do Alto Minho (transfronteirizo coa provincia de Pontevedra), do Baixo Alentejo (transfronteirizo con Huelva) e da Beira Baixa (transfronteiriza con Cáceres). A duración prevista do proxecto é de 25 meses.  

 A finalidade deste novo programa é axudar e acompañar os pequenos municipios para que incorporen a Axenda 2030 e os ODS como unha forma de avanzar en termos dun desenvolvemento máis sostible e integrador desde a cooperación transfronteiriza. Os seus obxectivos concretos son, por unha banda, aproveitar as sinerxías –consideradas vitais para os pequenos municipios– e, pola outra, favorecer a identificación dos retos compartidos e a xeración de proxectos transfronteirizos.  

 No marco do “C2 Axenda 2030 Local de Capacitación e Colaboración” desenvolveranse tres actividades específicas. A primeira, unha actividade de diagnose e xeración de ferramentas para identificar as necesidades dos pequenos municipios e deseñar ferramentas de capacitación adaptadas. A segunda traballará en base a seminarios, cursos formativos e comunidades de aprendizaxe para identificar e concretar proxectos colaborativos. A terceira consistirá na creación dun observatorio transfronteirizo da localización da Axenda 2030 para integrar o coñecemento e as boas prácticas identificadas. Este observatorio terá tres contidos: un banco de indicadores comúns para que a xestión municipal sexa aplicable á súa realidade, un banco de boas prácticas onde administracións ‘embaixadoras’ compartan as súas experiencias e, en último lugar, un banco de proxectos transfronteirizos da Axenda 2030.

Ningún comentario:

Publicar un comentario