22 de maio de 2023

NIGRÁN

Nun mitin no que tamén participou Julio García Comesaña.  

López pide a toda esa maioría que quere un cambio en Nigrán que confíen en María José e no PP porque ofrecen un goberno estable e con sentidiño  

María José Pino asegura que na rúa percíbese que hai moitas gañas e moita ilusión e que o PP é a alternativa a un goberno ineficaz, sen iniciativa e que non quere dar explicacións da súa xestión.  


O presidente provincial do Partido Popular, Luis López - á esq. -, con María José Pino, candidata á alcaldía de Nigrán; Luisa Piñeiro, secretaria xeral provincial do PP de Pontevedra; e Julio García Comesaña, coordinador do PP provincial na comarca de Vigo


Infogauda / Nigrán

 O presidente provincial do Partido Popular, Luis López, pediu onte a toda esa maioría que quere un cambio en Nigrán que confíen en María José Pino e no PP porque poden facelo posible. “Ofrecen un proxecto sólido e de futuro, tanto para os votantes do Partido Popular, como para todas aquelas persoas que non se conforman e queren máis para este concello”, sinalou durante o mitin que organizaron os populares onte o mediodía e no que tamén participou Julio García Comesaña, coordinador do PP provincial na comarca de Vigo.  

 López asegurou que “o proxecto encabezado por María José Pino é a opción máis coherente, máis estable e máis rigorosa fronte a un goberno acomodado, desgastado, ao que lle gusta pouco ou nada dar explicacións da súa xestión”.  

 Así, dixo que o domingo ábrese unha oportunidade real para cambiar as cousas neste concello, “de apostar por proxectos que representen á maioría, que teñan en conta ás persoas. Un proxecto fiable e solvente. Tedes a oportunidade de conseguir entre todos un Nigrán máis preto das persoas, que conte con todos e que inclúa a todos. Un proxecto que permita deixar atrás oito anos perdidos na desorde, na ineficacia e na improvisación, e co despilfarro dun Goberno que xa está advertido ata pola intervención municipal”.  

 A candidata á alcaldía, María José Pino, quixo agradecer publicamente a todos os veciños do concello por telos recibidos tan ben nas súas casas durante a campaña electoral. “Na rúa percibimos que hai moitas gañas e moita ilusión por un cambio en Nigrán”. Di que o reto é posible, e por iso pide aos veciños que o domingo valoren entre dous modelos e dous proxectos para Nigrán totalmente diferentes.  

 Con respecto ao proxecto dos populares, explicou que ofrece propostas e iniciativas para resolver problemas importantes que levan anos desatendidos. Así, comprometeuse a aprobar no primeiro ano de mandato o Plan Xeral. Ademais, establecerase un prazo máximo de 90 días para conceder as licencias de obra, actividade, etc. e axilizaranse e simplificaranse os trámites para a cidadanía. Mellorarase tamén a comunicación coas parroquias, coas que se organizarán reunións trimestrais para facer un seguimento dos problemas e aportar solucións. Entre outras cuestións, o programa dos populares inclúe tamén habilitar aparcadoiros nas zonas de praia, iniciativas para dinamizar o comercio local, unha residencia para persoas maiores, aposta por un turismo de calidade, vivendas públicas, mellora na prestación dos servizos básicos, impulso da atención social...

Ningún comentario:

Publicar un comentario