As tartarugas Nemiña e Coviña volven ao seu medio natural trala súa recuperación no Instituto Galego de Formación en Acuicultura
• Foron embarcadas no porto de Vilaxoán para a súa posterior liberación e regreso ás augas do Caribe tras pasar varios meses no centro dependente da Xunta baixo a supervisión da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma)
• O Igafa colaborou desde 2013 na recuperación dunha vintena de mamíferos mariños e tartarugas que chegaron á costa débiles ou feridos
Ás tartarugas comúns Nemiña e Coviña que foron embarcadas no porto de Vilaxoán en Vilagarcía de Arousa para a súa posterior liberación
Fotos: X.G.
Infogauda / Illa de Arousa
O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar, despediu esta semana ás tartarugas comúns Nemiña e Coviña que foron embarcadas no porto de Vilaxoán en Vilagarcía de Arousa para a súa posterior liberación e regreso ás augas do Caribe. A solta prodúcese tras superar a última fase da súa recuperación no centro baixo a supervisión da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma).
Esta acción forma parte da colaboración que mantén a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda desde o ano 2013 coa Cemma para a recuperación dos mamíferos mariños e outras especies que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos.
Nemiña chegou ao Igafa a finais de 2022 tras ser localizada na praia muxiá do mesmo nome enredada nunha maraña de cabos e saco de rafia e Coviña foi capturada por un barco de pesca fronte a cabo Prior e estivo no Igafa desde finais de febreiro. Ambas superaron a primeira fase da súa recuperación na UCI que a Cemma ten en Nigrán dentro da estrutura da Rede de Varamentos de Galicia e posteriormente foron trasladadas á piscina mariña do Igafa para completar a segunda e última fase da súa recuperación.
O coidado destes animais conta coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do instituto da Illa de Arousa co fin de favorecer a súa progresión. De feito, este tipo de estadías adoitan aproveitarse para formar aos estudantes en aspectos relacionados coa protección dos mamíferos mariños e o fomento da sensibilidade medioambiental.
Tras varias semanas de coidados no centro dependente da Consellería do Mar e, unha vez constatada a evolución favorable dos dous exemplares, ambas recibiron a alta por parte do equipo veterinario da Cemma e foron liberadas desde a patrulleira Punta Roncadoira, do Servizo de Gardacostas de Galicia.
Desde o inicio desta colaboración, o Igafa ten participado na recuperación de seis tartarugas e 14 lobos mariños, incluíndo estas dúas tartarugas que foron devoltas ao seu hábitat natural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario