O Rosal recoñece o gran traballo deportivo das súas bases da man de deportistas referentes
• A Praza do Calvario vai acoller este xoves día 6 ás 12.00 horas o ‘Encontro co deporte’
• Será unha charla coloquio que contará coa participación de David Gómez, Eva Piñel, Javi Díaz, Sara Álvarez e Serafín Martínez
Infogauda / O Rosal
Facer un recoñecemento ao gran traballo das bases deportivas do Rosal. Ese é o obxectivo do ‘Encontro co deporte’ que organiza o Concello este xoves 6 de abril, ás 12.00 horas, na Praza do Calvario, e que permitirá poñer en valor as diferentes disciplinas deportivas que se están a desenvolver no municipio da man de deportistas rosaleiros e rosaleiras de gran prestixio.
Será unha charla coloquio dirixida polo xornalista Terio Carrera na que participarán o atleta David Gómez, primeiro deportista rosaleiro en competir nuns xogos olímpicos; a atleta Eva Piñel, cun amplo palmarés ás súas costas; o xogador de balonmán Javi Díaz, porteiro con máis de 600 partidos na liga Asobal; a futbolista Sara Álvarez, unha xoia de presente e de futuro convocada co combinado galego e estatal; e Serafín Martínez, unha gran figura do ciclismo galego.
O encontro, que comezará ás 12.00 horas, contará tamén cun espectáculo deportivo e exhibicións que farán as delicias do público asistente e rematará coa entrega do premio a unha vida dedicada ao deporte.
“Este encontro é unha forma de visibilizar e valorizar o deporte base que se está a realizar no noso municipio, un deporte que non só trae ao Rosal diferentes disciplinas deportivas, senón que experimentou un importante incremento no último ano”, como salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Neste sentido, por exemplo, na U.D. Ribera pasaron de ter 120 rapaces e rapazas a 150 nas categorías de base, mentres que a Sociedade Atlética Trega contan con 90 integrantes entre club e escolas, aumentando en máis de 40 nenos e nenas. O Club Ciclista O Rosal triplicou o número de participantes nas categorías bases, pasando de 15 cativos e cativas a 40, mentres que o Valinox Novás case duplicou e ten na actualidade 122 rapaces e rapazas e 12 equipos en base, cinco deles benxamíns, dous alevíns e dous prebenxamíns.
Ningún comentario:
Publicar un comentario