3 de abr. de 2023

O ROSAL

O espazo gastronómico ‘Daordaria’, no Mercado do Rosal, abrirá as súas portas o sábado día 15 de abril   

 Organizará unha xornada de degustación gratuíta e aberta a todos os públicos amenizada con música e cunha exposición de José Luis Correa  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e o deputado Santos Héctor visitaron as novas instalacións, financiadas ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra   


A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, o deputado de Cooperación cos Concellos e Asistencia Intermunicipal, Santos Héctor, e membros do Goberno municipal visitaron as novas instalacións neste edificio anexo ao Mercado do Rosal

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Rosal vai estrear o vindeiro sábado 15 de abril o espazo gastronómico do Mercado, un lugar vivo co que dinamizar a vila apostando pola economía de proximidade. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e o deputado de Cooperación cos Concellos e Asistencia Intermunicipal, Santos Héctor, visitaron as novas instalacións neste edificio anexo que “converterá ao mercado nun punto de encontro gastronómico e de lecer”.  

 O espazo gastronómico ‘Daordaria’ recolle no seu nome as tradicións rosaleiras, xa que significa ‘terra de cabaqueiros’ na lingua que empregaban os traballadores deste sector para comunicarse entre eles. O espazo abrirá as súas portas o sábado 15 cunha xornada de degustación gratuíta para que a veciñanza poida xa coñecer os produtos que se van ofrecer “neste innovador recuncho que dará valor engadido non soamente á renovada praza de abastos, senón tamén á transformada Praza do Calvario”.  

 A apertura ao público será en sesión vermú a partir das 12.00 horas nunha xornada que estará amenizada con actuación musical e coa exposición de escultura do rosaleiro José Luis Correa.  

 “Este novo lugar foi deseñado e nace coa idea de achegar máis dinamismo social, activando e reforzando a nosa economía ao tempo que poñemos en valor o produto fresco da nosa praza de abastos e de produtores e produtoras locais e vinculados ao territorio, seguindo a liña dos Mercados de Excelencia, con espazos adaptados aos novos hábitos das persoas consumidoras”, recalcou a rexedora durante a visita. 

 O deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, louvou o deseño do novo espazo do Mercado do Rosal e subliñou “a transformación integral que supón para o mercado tanto esta fase que permite contar cun espazo gastronómico como a anterior de rehabilitación, que teñen convertido este inmoble nun edificio moderno, adaptado ás distintas necesidades, accesible e sostible, que vai dinamizar de xeito especial o municipio do Rosal”. Destacou a aposta do Goberno local por transformar integramente esta contorna a través do Plan Concellos e tamén a recuperación da Praza do Calvario, na que se sitúa, ao abeiro do Plan ReacPon, “que teñen convertido este punto neurálxico nun espazo vivo e con futuro”. 

 Este novo bar gastronómico de case 200 metros cadrados protagoniza o novo espazo da ampliación do edificio do mercado, unha renovación que supón o colofón final do proxecto de mellora da praza de abastos, outorgándolle unha imaxe totalmente renovada e moderna, facéndoa máis confortable e atractiva para a veciñanza como lugar de compra, de encontro e de goce do produto local.  

 O Concello do Rosal investiu nas obras de ampliación case 400.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. As novas instalacións anexas, conectadas de forma directa co Mercado, compleméntanse con espazos de lecer, exposición, reunión e formación no primeiro andar. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario