25 de abr. de 2023

GALICIA

A Xunta de Galicia concede 17 axudas por máis de 53.000 € para actuacións de conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras  

 Outorga 14 subvencións a 10 entidades propietarias - entre elas ás comunidades de montes veciñais en man común de As Eiras (O Rosal) e Viladesuso (Oia) - ou particulares e 3 axudas distribúense entre os concellos de Triacastela e Oleiros


Ermida e sobreiras da Madalena (As Eiras)
Foto: C.O.R.


Infogauda / Galicia

 A Xunta de Galicia publica hoxe no DOG a resolución da convocatoria pola que se conceden 17 axudas por un importe de máis de 53.000 euros para executar actuacións de conservación, protección e mellora de exemplares incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras, que a día de hoxe conta con 186 árbores e formacións. 

 No caso da liña de axudas a entidades propietarias ou particulares, 10 beneficiarios reciben 14 subvencións por un importe total de máis de 39.500 euros. Por outra banda, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, outorgou 3 subvencións a 2 concellos -Oleiros (2) e Triacastela- no marco da liña de axudas á administracións locais. 

 Entre o tipo de intervencións subvencionables está a realización de podas e control das copas, a aplicación de tratamentos fitosanitarios, accións encamiñadas á conservación e mellora do entorno dos elementos catalogados, actuacións de divulgación e sinalización, e a realización de estudos dos exemplares. 

Ferramenta en constante actualización

 O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización que propón a inclusión de elementos novos exemplares aos seus propietarios, ás administracións, aos centros de investigación e a aquelas entidades privadas ou públicas que teñen a protección da natureza entre os seus fins estatutarios. 

 De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables. 

Actualmente, a provincia con más árbores e formacións senlleiras é Pontevedra, con 65. A Coruña conta con 54, Lugo con 41 e Ourense con 26.

 

Os dous últimos elementos incluídos no catálogo foron, este mesmo mes, a Criptomeria xaponesa do Palco da música e dous Alciprestes de Portugal. Ambos exemplares no Concello de Mondariz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario