3 de abr. de 2023

A GUARDA

A presentación do libro “Todo chega desde o mar”, de Santiago Ferragud dará continuidade ao programa “Semente de Igualdade”

Será o xoves día 13 de abril ás 20:30h na Casa dos Alonso 




Infogauda / A Guarda

 O Goberno do Concello de A Guarda, que preside Antonio Lomba Baz refire que aposta “durante todo o ano pola promoción da igualdade entre mulleres e homes en todas as esferas da vida e pola visibilización da muller ao longo da historia. Por esa razón, se busca darlle continuidade ao programa “Semente de Igualdade”, unha campaña na que se inclúen as accións polo Día Internacional da Muller con actuacións musicais, obradoiros  e contos para crianzas, entre outras

 Despois das diferentes actividades realizadas ao longo do mes de marzo, o vindeiro xoves día 13 de abril, ás 20:30h na Casa dos Alonso está prevista a presentación do libro Todo chega desde o mar, de Santiago Ferragud (escritor e músico).  

 O autor estará acompañado por Beatriz Núñez, profesora de debuxo e responsable do departamento de igualdade do IES A Sangriña. 

Da obra de Santiago Ferragud 

 En 1931, a anterior xeración de vigueses fixo que a cidade fora a primeira do país en proclamarse republicana; seguiron os cinco anos entusiastas, radicais e convulsos da República, e logo as sinistras intrigas previas ao alzamento militar e a represión á que foron sometidos os republicanos na Illa de San Simón. 

 En 1972, a pesar das severas restricións da ditadura, unha folga do metal conseguiu paralizar Vigo durante máis de dúas semanas. Tres anos máis tarde, algúns daqueles folguistas fundaron GRAPO e, desde Madrid, estenderon as súas accións por todo o Estado, aínda que mantiveron sempre unha morbosa nostalxia cara a Vigo. 

 Esta novela conta o encontro entre dúas mulleres: Irene, contemporánea da folga do 72, profesora na universidade, a piques de xubilarse; e Xoana, unha nova licenciada, recentemente chegada a Vigo; diferentes por xeración e por vivencias, moi pronto lles unirá a paixón pola historia da cidade. “Todo chega desde o mar: ideoloxías e lendas, animais exóticos e invencións mecánicas, santos e soldados, restos de naufraxios e obxectos que alguén, nalgún afastado lugar, deixou de amar”.  

Do autor 

 Santiago Alonso Ferragud, coñecido como Santiago Ferragud, naceu en Vigo o 23 de xaneiro de 1949.  

 En 1965 fundou Los Temples, unha das bandas de rock and roll que xurdiron en cada barrio da cidade, producindo un chispazo de enerxía e ledicia no medio da néboa do franquismo. 

 Estudou na Escola de Peritos e, nos anos 70, comezou a súa vida profesional en empresas auxiliares dos estaleiros. 

 Nunca abandonou a música e en 2010, movido pola súa vocación literaria, fundou Xardín Desordenado, unha banda que desde entón vén musicando a poetas galegos. 

 Todo chega desde o mar (Medulia Editorial, 2022) supón o debut de Santiago Ferragud como novelista. 

HISTORIAS DE MULLERES GUARDESAS

 Continuando coas actividades propostas, e dado o éxito obtido na 1ª edición de Historias de Mulleres Guardesas, este ano  durante o mes de maio vaise levar a cabo a 2ª edición, coa finalidade de visibilizar e pór en valor o importante papel das mulleres guardesas. 

 Realizaranse un total de dúas actividades, un roteiro, que terá lugar o venres, día 5 de maio ás 20:30 h con saída dende a praza do Reloxo e unha andaina, o domingo 7 de maio ás 10:30 h, con saída dende a Alameda de A Guarda. 

 É preciso inscrición previa no departamento de Turismo do Concello de A Guarda, a través do teléfono 986 614 546 ou no enderezo turismo@aguarda.es 

 As actividades programadas están subvencionadas pola Deputación de Pontevedra e polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario