3 de abr. de 2023

A GUARDA

As Barferencias de Primavera  2023 regresan á A Guarda  

A primeira terá lugar o venres 14 de abril ás 20:00h no bar-restaurante O Couto. de Camposancos. 




Infogauda / A Guarda

 Unha nova programación de barferencias volve á programación guardesa para brindarnos maior información sobre os últimos traballos arqueolóxicos e  investigacións históricas. Así, a razón dunha barferencia por mes, nesta primavera poderemos coñecer as conclusións, resultados e relacións co resto de casos galegos e peninsulares do noso pasado prehistórico e medieval.   

 Para a concelleira de Cultura Mª Montserrat Magallanes Álvarez, as barferencias "supoñen unha vía moi interesante para a  divulgación do patrimonio da nosa localidade. Por medio  deste formato achegamos aos nosos veciños e veciñas a historia e o patrimonio de A Guarda dun xeito ameno e participativo, onde se propicia o encontro  e a transmisión dos coñecementos dos ponentes".  

 O 14 de abril ás 20:00h no bar-restaurante O Couto, en Camposancos, Brais X. Currás e Eduardo González Gómez de Agüero presentarannos os resultados do estudo do concheiro do Castro do monte Santa Trega, trala intervención do ano 2019. Os concheiros que son os vertedoiros dos castros, brindan unha gran información sobre a vida dos castros, ao acumular os desperdicios e facilitar a conservación de útiles e outro tipo de restos (ósos, anzois, xoiería, etc.) falannos da dieta dos poboadores do megapoboado do Trega, polos restos de animais, peixes e mariscos; das relacións socioeconómicas, polos restos de vestimentas, armamento, xoias defectuosas, etc. 

 A barferencia será complementada pola intervención de Óscar García Vuelta, que falará concretamente do estudo da orfebrería a raíz dos restos atopados no cuncheiro.   

 Para o 11 de maio  no restaurante Os Remos ás 20:00h., daremos un salto ao pasado medieval da nosa vila, para coñecer mais da muralla da que aínda se conserva un bo lenzo na rúa Muro e que foi recentemente datada e estudiada por Rebeca Blanco-Rotea e Francisco Alonso Toucido.  

 Rebeca Blanco é investigadora principal da Universidade do Minho, e unha dos maiores referentes en arqueoloxía da arquitectura e da paisaxe, tendo estudado en profundidade, a través da súa tese doutoral e traballos posteriores a paisaxe fortificada na fronteira galego-portuguesa no contexto da Guerra de Restauraçâo (1640-1668).  

 Francisco Alonso, pola súa parte, é investigador da Universidade de Santiago de Compostela, no departamento de Historia I, especialista en cerámica medieval e arqueoloxía medieval.  

 Por último, o 2 de xuño ás 20:30h., no restaurante La Casa de la Abuela teremos a derradeira cita, onde Luis F. López González, arqueólogo responsable das actuacións de restauración tanto do sector de Mergelina (2018) como da porta norte da muralla do Castro do monte Santa Trega mais recentemente, falaranos sobre os sistemas construtivos empregados nas murallas dos castros, prestando especial atención ao accesos como os lugares máis destacados dos castros.  

PROGRAMA “BARFERENCIAS 2023”  

VENRES 14 DE ABRIL 

20:00h. Bar - Restaurante O Couto (Estrada de Camposancos, nº 110 - Camposancos)

“O cuncheiro da porta sur do Trega: novidades e perspectivas”, a cargo de Brais X. Currás e Eduardo González Gómez de Agüero. 

“A orfebrería do Trega”, a cargo de Óscar García Vuelta. 

XOVES 11 DE MAIO 

 20:00h. Restaurante marisquería Os Remos (Praza de San Bieito, 11)

“Cal é a orixe da antiga muralla de A Guarda?”, a cargo de Rebeca Blanco-Rotea e Francisco Alonso Toucido  

VENRES 2 DE XUÑO 

20:00h. Restaurante La Casa de la Abuela (rúa Calvario, nº 69)

“As murallas dos castros: modelos, reconstruccións e interpretacións” por Luis F. López González. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario