5 de abr. de 2023

A GUARDA

Recepción oficial ao deportista Álex Sierpes Pereira no Concello de A Guarda 

• Que no mes de marzo deste ano, proclamouse coa Selección Galega, campión de España de Cros

 No Campionato de España de autonomías Sub-16 en idade escolar 2023, celebrado nas inmediacións da Universidade de Pamplona.


De esq. á der.: Antonio Lomba Baz, Patricia Pereira Guisantes, Christian e Álex Sierpes Pereira e Mª Montserrat Magallanes Álvarez, nun momento da recepción oficial celebrada está mañá na Casa dos Alonso

Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda 

  Na mañá deste mércores día 5 de abril, o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Deportes, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, recibiron na Casa dos Alonso - sede do Concello de A Guarda -,  ao atleta guardés Álex Sierpes Pereira, ao seu irmán Christian, e á nai de ambos os dous, Patricia Pereira Guisantes, para darlle os parabéns pola súa brillante traxectoria deportiva.  

 Nun ambiente distendido, representantes do Grupo de goberno municipal interesáronse por como o carismático deportista é capaz de compaxinar os seus estudos coa práctica deportiva, cun calendario de competicións e de adestramentos que lle deixa moi pouco tempo libre.  

 Sen dúbida, tanto Álex como o seu irmán Christian, son dúas grandes persoas que, malia a súa curta idade, saben asumir o gran compromiso que representa as súas respectivas participacións en grandes competicións a nivel nacional e internacional, levando sempre o nome de A Guarda alí onde van.  


Un momento da recepción oficial na Casa dos Alonso

 Para Mª Montserrat Magallanes é fundamental ter un grupo de apoio constante que neste caso se representa na figura dos seus pais e no seu clube Sociedade Atlética do Trega.  

 Antonio Lomba, alcalde de A Guarda, valorou o esforzo que significa á súa idade, sacrificar moitas fins de semana ao ano para adestrar e competir, interesándose polos novos retos deportivos e por como afronta Álex o seu futuro máis próximo, desexándolle moitos éxitos.  

 A recepción oficial rematou coa entrega dun ramo de flores e un agasallo coa imaxe da fachada marítima de A Guarda, confeccionado por usuarios da Asociación Avelaíña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario