10 de mar. de 2023

TOMIÑO

A mocidade mergúllase na tecnoloxía da man da OMIX de Tomiño  

 Aberto o prazo de inscrición para ‘Dreams to Space’, un curso de 8 horas para poder realizar proxectos innovadores que comezará o sábado 15 de abril  




Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño continúa coa súa aposta por unha programación pensada, deseñada e dirixida á mocidade, nesta ocasión coa tecnoloxía como eixo central. A OMIX Tomiño xa ten aberto o prazo de inscrición para participar en ‘Dreams to Space’, un novidoso curso a través do que mozos e mozas poderán achegarse á tecnoloxía dende unha perspectiva maker (fabricante, en galego), no que cada un e cada unha aprenderán a construír os seus propios proxectos.  

 Como explica a concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez, “este curso é un exemplo máis do esforzo que se está a facer dende o Goberno municipal para achegar á nosa mocidade unha programación actual na que se traten temáticas que lles interesan especialmente e poder brindarlles novas oportunidades persoais ou profesionais”. 

 Este novo curso, de 8 horas de duración, abordará diferentes temáticas. Así, as persoas participantes darán os primeiros pasos no mundo da programación e aprenderán as estruturas lóxicas e diferentes ferramentas para programar calquera dispositivo. Tras esta aprendizaxe construirán e programarán diferentes robots para executar pequenas tarefas con materiais Lego We Do 2.0 e MBOT. 

 A información e formación continuará coa introdución a placas base de electrónica que permiten interactuar con diferentes sensores, chegando a crear pequenos dispositivos. Ademais, introducirase ao alumnado ao deseño, modelado e impresión 3D con programas como Tinkercad, para a xuventude máis nova, e Fusion 360, de Autodek para os demais. 

 O curso rematará cunha pequena incursión no mundo do aeromodelismo espacial, construíndo un foguete e facendo despois o seu lanzamento aplicando conceptos e cálculos explicados durante a formación. 

 O curso impartirase dende o 15 de abril ata o 3 de xuño con clases todos os sábados de 11.00 a 12.00 horas no Espazo Mercado, de Goián. Este obradoiro está destinado a mozos e mozas a partir de 12 anos e terá un custo de 20 euros. Inscrición aberta na web do Concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario