20 de mar. de 2023

TOMIÑO

Enxeño e creatividade para conmemorar o Día das Letras Galegas 2023 

 O Concello de Tomiño abre unha nova edición do concurso de deseño da camiseta do 17 de maio. As propostas poden presentarse ata o vindeiro 1 de maio  




Infogauda / Tomiño

 Un ano máis o Concello quere conmemorar o 17 de maio con enxeño e creatividade arredor da lingua e da literatura galega. Por este motivo, a OMIX de Tomiño ven de convocar unha nova edición do concurso de deseño da camiseta do Día das Letras Galegas 2023. O deseño será libre e aberto e o xurado valorará que sexa atractivo, inspirador e que busque a promoción do uso e a normalización da lingua galega en todos os ámbitos. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida a toda a veciñanza a participar neste certame “co que cada ano ofrecemos un lenzo en branco para amosar o agarimo que lle temos á nosa lingua”.  

 O deseño elixido colocarase unicamente na parte dianteira da camiseta e terá que ser a unha soa cor a estampar sobre fondo branco. Todas as persoas que participen e envíen as súas creacións serán agasalladas cunha camiseta co modelo gañador serigrafiado. Ademais, a persoa autora da camiseta elixida finalmente para representar ese día poderá elixir entre tres premios: unha tableta Lenovo Tab M10 Plus 2K 4+64GB Grey Android, uns auriculares inalámbricos de Apple ou un reloxo intelixente Amazfit GTS 4 mini negro medianoite. Xunto cos agasallos darase difusión á obra gañadora a través de todas as canles dispoñibles do Concello.  

 O obxectivo é conseguir plasmar na camiseta unha fase ou un deseño gráfico coa que “se defenda ou se poña en valor a nosa lingua, o galego”. A frase ou deseño gañador será serigrafiado en máis de 800 camisetas que serán repartidas de balde entre as persoas que participen nas actividades organizadas polo Concello ao abeiro do Día das Letras Galegas. 

 As persoas interesadas en participar poden enviar a súa proposta ao correo electrónico omix@tomino.gal ata o vindeiro 1 de maio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario