Maica Larriba desprázase a Tui e transmite unha mensaxe de tranquilidade á súa veciñanza
Infogauda / Tui
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou esta mañá a cidade de Tui xunto ao seu alcalde, Enrique Cabaleiro, para coñecer de primeira man os detalles da investigación que está a levar a cabo a Garda Civil para esclarecer as causas da calcinación de 21 vehículos durante a madrugada deste domingo no centro histórico da cidade. A subdelegada quixo, así mesmo, “manifestar o total rexeitamento destes feitos e transmitir o seu profundo pesar a toda a cidadanía tudense, e en particular, ao seu alcalde”.
Tras a súa visita ao lugar dos feitos, Maica Larriba expresou a “profunda impresión e total desconcerto” que deixa este suceso, “illado” e acaecido nunha das cidades máis seguras da provincia. Neste sentido, a subdelegada quixo insistir en que o Concello de Tui rexistra uns índices de criminalidade moi inferiores aos índices nacionais, autonómicos e provincias, e realizou un “chamamento á tranquilidade”. “En ningún caso este tráxico suceso debe poñer en cuestión a paz, seguridade e a excelente convivencia desta cidade”, afirmou.
A subdelegada informou de que “os equipos de investigación da Policía Xudicial da Garda Civil están a traballar xa en colaboración cos técnicos municipais para avanzar na investigación e poder esclarecer os feitos no prazo de tempo máis breve posible”. E anunciou que a primeira hora da tarde desprazarase á cidade un equipo de investigación do laboratorio criminalístico da Garda Civil da Coruña especializado neste tipo de sucesos.
“Os equipos da Garda Civil están traballando exhaustivamente para esclarecer o acontecido, xa que o prioritario agora é atopar a persoa ou persoas responsables no menor prazo de tempo”, explicou a subdelegada e insistiu en que, “a estas horas, todas as hipóteses están abertas”.
A este respecto, a subdelegada avanzou que a existencia de cinco focos diferenciados nunha contorna moi próxima apunta a que o suceso non foi fortuíto, “pero ata que investigación non avance e non coñezamos os datos obxectivos non se poderá confirmar ou denegar ningunha hipótese”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario