O Concello de A Guarda vai conmemorar o 8M co programa de actividades “Semente de Igualdade”
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda vén de facer público que aposta durante todo o ano pola promoción da igualdade entre mulleres e homes, en todas as esferas da vida, e pola visibilización da muller ao longo da historia. “Por esa razón, se busca darlle continuidade ao programa “Semente de Igualdade”, unha campaña na que se inclúen as accións polo Día Internacional da Muller con actuacións musicais, obradoiros e contos para crianzas, entre outras”, afirmou Fátima Rodríguez Marcos, concelleira de Igualdade.
As actividades arrancarán o día 8 de marzo ás 12:30h na praza do Reloxo, onde terá lugar unha concentración e lectura de manifestos acompañados dunha actuación musical a cargo da artista A Riso e a guitarrista Maite González.
A fachada da Casa do Concello será iluminada de cor morada e colocarase unha pancarta conmemorativa polo Día Internacional da Muller.
O domingo día 12 de marzo ás 17:30h a praza de Avelino Vicente, vai acoller “Elas contan moito”, unha divertida sesión de contos con música, na que a partir de varios álbums ilustrados se reflexiona sobre a igualdade entre nenas e nenos, a perspectiva de xénero e os estereotipos sexistas.
Rosa Caramelo, O libro dos porcos ou Daniela Pirata son algúns dos títulos que se contarán nesta sesión de contos con música para gozar en familia, cunha duración aproximada duns 50 minutos e para público público familiar a partir dos 3 anos a cargo da contadora Bea Campos e o músico Manuel Pombal, de Migallas Teatro.
Baixo o título Lentes Violetas, durante o mes de marzo levaránse a cabo obradoiros sobre prevención de violencias machistas, dirixidos ao alumnado de 5º de Primaria dos centros educativos de A Guarda.
“Estas dúas actividades dirixidas á poboación máis nova, son o eixo principal do programa “Semente de Igualdade”, porque a promoción da igualdade e a prevención de comportamentos machistas en idades temperás, son a chave para conseguir rachar coa violencia machista na nosa sociedade”, engadiu Fátima Rodríguez.
Presentación do libro Todo chega desde o mar
Para a xornada do xoves día 13 de abril, ás 20:30h na Casa dos Alonso, está prevista a presentación do libro Todo chega desde o mar de Santiago Ferragud (escritor e músico). O autor estará acompañado por Beatriz Núñez, profesora de debuxo e responsable do departamento de Igualdade do IES A Sangriña.
Da obra de Santiago Ferragud
En 1972, a pesar das severas restricións da ditadura franquista, unha folga do metal conseguiu paralizar Vigo durante máis de dúas semanas. Tres anos máis tarde, algúns daqueles folguistas fundaron GRAPO e, desde Madrid, estenderon as súas accións por todo o Estado, aínda que mantiveron sempre unha morbosa nostalxia cara a Vigo.
En 1931, a anterior xeración de vigueses, fixo que a cidade fora a primeira do país en proclamarse republicana; seguiron os cinco anos entusiastas, radicais e convulsos da República, e logo as sinistras intrigas previas ao alzamento militar e a represión á que foron sometidos os republicanos na Illa de San Simón.
Esta novela conta o encontro entre dúas mulleres: Irene, contemporánea da folga do 72, profesora na universidade, a piques de xubilarse; e Xoana, unha nova licenciada, recentemente chegada a Vigo; diferentes por xeración e por vivencias, moi pronto lles unirá a paixón pola historia da cidade.
“Todo chega desde o mar: ideoloxías e lendas, animais exóticos e invencións mecánicas, santos e soldados, restos de naufraxios e obxectos que alguén, nalgún afastado lugar, deixou de amar”. Unha engaiolante síntese da obra de Santiago Ferragud.
Do autor
Santiago Alonso Ferragud, máis coñecido como Santiago Ferragud (Vigo, 23 de xaneiro de 1949), fundou en 1965 Los Temples, unha das bandas de rock and roll que xurdiron en cada barrio da cidade, producindo un chispazo de enerxía e ledicia no medio da néboa do franquismo.
Estudou na Escola de Peritos e, nos anos 70 do pasado século, comezou a súa vida profesional en empresas auxiliares dos estaleiros.
Nunca abandonou a música e en 2010, movido pola súa vocación literaria, fundou Xardín Desordenado, unha banda que desde entón vén musicando a poetas galegos/as.
Todo chega desde o mar (Medulia Editorial, 2022) supón o debut de Santiago Ferragud como novelista.
2ª edición de Historias de Mulleres Guardesas
Continuando coas actividades propostas, e dado o éxito obtido na 1ª edición de Historias de Mulleres Guardesas, este ano durante o mes de maio vaise levar a cabo a 2ª edición, coa finalidade de visibilizar e pór en valor o importante papel das mulleres guardesas. Realizaranse un total de dúas actividades. Un roteiro, que terá lugar o venres, 5 de maio ás 20:30 h con saída dende a praza do Reloxo; e unha andaina, o domingo 7 de maio ás 10:30 h, con saída dende a Alameda de A Guarda. É preciso inscrición previa no departamento de Turismo do Concello de A Guarda, chamando ao teléfono 986 614 546 ou no enderezo electrónico turismo@aguarda.es
As actividades programadas están subvencionadas pola Deputación de Pontevedra e polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario