30 de mar. de 2023

A GUARDA

Arranca na Guarda a III Ruta do Libro, que promove o consumo de libros na vila durante o mes de abril   

A iniciativa irá acompañada de diferentes eventos en torno á literatura e o libro, ao longo de todo  o mes  




Infogauda / A Guarda

 Por terceiro ano consecutivo o Concello de A Guarda dedica o mes de abril ao libro e as librerías, cunha programación centrada na presentación de diferentes obras literarias e no estímulo ao consumo de libros.  

 A Ruta do Libro, que tan boa acollida tivo nos anos anteriores consiste en poder conseguir un bonito agasallo por cada 30€ gastados en libros nas librerías guardesas: Atlántica, Ler, Ideas ou Cervantes. Este consumo pode acumularse durante todo o mes e  incluso en diferentes librerías, nas que nos facilitarán o pasaporte lector para gardar os tíckets de compra. So temos que dirixirnos á Biblioteca Municipal a partir do 9 de abril en horario de 17:00 a 20:00h., de luns a venres. 

 Aínda que sen dúbida o maior estímulo para o consumo dos libros virá coa celebración do Día do Libro, xa que con motivo desta data, que neste ano abrangue a fin de semana do 22 e 23 de abril, poderán adquirirse os libros cun 10% de desconto. 

PROGRAMACIÓN MES DO LIBRO 

 Paralelamente á campaña comercial, este sábado día 1 de abril comeza o mes do libro coa presentación do poemario De mar a mar, de Feliciano Rolán,  en edición bilingüe (Castelán - Galego). O acto realizarase nos Xardíns de Feliciano Rolán (fronte ao centro de saúde), ás 12:00h.  

 Xa pasada a Semana Santa, o xoves 13 de abril na Casa dos Alonso presentarase a novela “Todo chega dende o mar”, de Santiago Ferragud (escritor e músico) na que estará acompañado por Beatriz Núñez, profesora de Debuxo e responsable do departamento de Igualdade do IES A Sangriña, xa que a novela nos traslada o Vigo do século XX, na pel de dúas protagonistas femininas que viven momentos sociopolíticos alonxados no tempo pero convulsos, como é o Vigo de 1931 e a proclamación da República á que lle segue a represión do 36 na Illa de San Simón e o Vigo de 1972 no fin da ditadura e no xerme do GRAPO.  

 A última presentación literaria realizarase no Centro Cultural, o 21 de abril. Será o libro “Tierra de leyenda I, O legado de Breogán” do tamén vigués Samuel Ferro. Esta novela, ambientada na Galicia medieval,  aborda as penurias de Martín, un rapaz de 1351 que se ve obrigado a sobrevivir como pode, e maiormente a marxe da lei. Tui, Salvaterra e A Guarda son lugares onde se centra parte da acción desta historia.  

 Xa metidos na fin de semana dedicada ao Día do Libro, o 22 de abril, ás 12:00 h., na Biblioteca Municipal,  haberá o Contacontos “Lucinda e o inspector Vinagre”, a cargo da cooperativa guardesa Maga de Voz, con Cristal Méndez Queizán e Paolo Rosi.  

 E o domingo 23 de abril rematará toda esta programación co concerto “Se cantas es ti que cantas...” a cargo do Coro Cantares de Brueiro, dirixidos por Tino Baz. Este concerto será na igrexa parroquial de A Guarda, ás 18:00h.  

 Lembramos que durante este fin de semana, nas librerías poderán adquirirse libros co desconto do 10% e co agasallo dunha rosa. 

 Á campaña da Ruta do Libro continuará ata a fin de semana seguinte, o 30 de abril.

Ningún comentario:

Publicar un comentario