A Guarda será escenario da recuperación da memoria do cinema galego a través do seu pioneiro, José Gil
• Con proxeccións en diferentes emprazamentos da vila, o venres día 17 e o sábado día 18 de marzo
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda acollerá os días 17 e 18 de marzo unha actividade para a recuperación da memoria do cinema galego a través de diferentes proxeccións dun dos seus pioneiros, José Gil Gil.
A programación arrancará no Centro Cultural, o venres día 17 de marzo ás 10:00h, e continuará o sábado día 18 de marzo ás 10:00h na praza do Reloxo, con posterior sesión vermú amenizada pola Agrupación Musical de A Guarda. Asemade, a partires das 17:00h haberá unha nova sesión no Centro Cultural.
En caso de choiva as actividades de exterior trasladaranse ao interior da Casa dos Alonso.
Vía Láctea Filmes, Cine na Rúa e Editorial Galaxia, co apoio da Deputación de Pontevedra, son os promotores desta xira que fará na vila guardesa a súa cuarta parada.
José Gil
José Gil Gil (Rubiós-As Neves, 1870-1937) foi un fotógrafo e pioneiro do cinema galego que entre 1910 e 1936, realizou máis de 150 filmes, principalmente no sur de Galicia. Foi tamén un home singular, comprometido, sempre á última das innovacións artísticas e tecnolóxicas do seu tempo, e cunha vida dramática que non impediu que, por natureza e afouteza de carácter, lograra realizar unha andaina profesional apaixoante e trascendental para o cinema en Galicia.
Co proxecto “José Gil. Pontevedra provincia de cine, na orixe do cinema”, que desembarcará na vila guardesa, “preténdese reparar o esquecemento sobre a súa vida e a súa obra, dalo a coñecer á veciñanza e á comunidade educativa da vila, e poñer en valor o legado deste grande precursor cuxa obra atopa equivalencias na doutros pioneiros do cinema nos territorios periféricos da cinematografía mundial a comezos do século XX”.
Temos constancia de que as localizacións extraordinarias do monte Santa Trega e a desembocadura do río Miño foron visitadas en varias ocasións pola cámara de Gil para formar parte de varias películas como: “La villa de La Guardia, el monte de Santa Tecla” (1920), “Panorama de Santa Tecla”(1932). No Teatro-Cine Ideal - que estaba situado nun inmoble da rúa Ezequiel Ordóñez, de A Guarda - e que foi inaugurado en 1917; proxectáronse algúns filmes do cineasta, como “Los Reyes de España en su visita a Vigo” (1927) e algúns dos seus “Noticiario de Galicia” (1927-1932).
Ademais, A Guarda é un dos escasos lugares nos que chegou a funcionar o Cinemóbil nº 1, ata a destrución do prototipo por mor dun incendio na noite do 11 de decembro de 1926.
Tamén era a vila do industrial, membro - ao igual que Ángel Nandín Vicente e Bernardo Vicente Peña - da sociedade mercantil regular colectiva denominada “Nandín, Vicente y Compañía”, constituída en 1914, e a súa vez, produtor executivo de Celta Films, Higinio Troncoso Vicente, que mantivo unha relación de amizade con José Gil Gil.
Ningún comentario:
Publicar un comentario